O valor do euro volve situarse por debaixo do do dólar: A UE, en risco de "recesión técnica"

O cambio do euro fronte á moeda dos Estados Unidos chegou a baixar esta terza feira até os 0,9902 dólares desde os 0,9941 dólares do peche de onte. Isto supón o peor cambio da moeda europea desde febreiro de 2002.
O valor do euro leva varios meses cunha clara tendencia á baixa. (Foto: Europa Press)
photo_camera O valor do euro leva varios meses cunha clara tendencia á baixa. (Foto: Europa Press)

O valor do euro fronte ao dólar estadounidense volveu situarse esta terza feira por debaixo da paridade, e cotiza en mínimos desde febreiro de 2002. A debilidade da moeda común da Unión Europea (UE) coincide coa preocupación polo abastecemento de gas e as perspectivas que apuntan a un crecente risco de "recesión técnica" na zona euro.

Un escenario aínda pendente da reunión entre os representantes da Reserva Federal de Estados Unidos e doutros bancos centrais.

O cambio do euro fronte á moeda dos Estados Unidos chegou a baixar esta terza feira até os 0,9902 dólares desde os 0,9941 dólares do peche de onte. Isto supón o peor cambio da moeda europea desde febreiro de 2002.

Contracción do PIB e "recesión técnica"

Ademais das dificultades relacionadas coa subministración de gas nos países do centro de Europa, esta segunda feira o Bundesbank, o banco central de Alemaña, advertía do aumento significativo dos riscos que apuntan a unha contracción do PIB durante a segunda metade do ano, cando as presións inflacionistas poden aumentar até impulsar o IPC arredor de 10% este outono.

"A probabilidade de que o PIB diminúa no semestre de inverno aumentou significativamente", sinalaba a entidade, que espera que a taxa de inflación alcanzará "novos máximos no outono", cando as subas de prezos no país poderían alcanzar "a orde de 10%".

O Banco Central Europeo (BCE) advirte de signos de desaceleración na zona euro. A semana pasada, a representante alemá no directorio do BCE, Isabel Schnabel, recoñecía que os signos que apuntan a unha desaceleración do crecemento da zona euro abren a porta a que a economía da UE entre en "recesión técnica", mentres que probabelmente tardarán algún tempo en disiparse as presións inflacionistas.

Desta maneira, para a reunión do Consello de Goberno do BCE do próximo mes de setembro, Schnabel mostrouse favorábel de que a entidade volva actuar "con decisión", xa que, ao mirar os datos máis recentes, as preocupacións que había en xullo, cando o banco central decidiu acometer unha suba de tipos de 50 puntos básicos, "non se aliviaron".

Comentarios