Será a Galiza golpeada por unha nova crise económica?

A actividade económica privada na zona euro caeu no mes de xullo por primeira vez en 17 meses, no Estado español baixou a afiliación á Seguridade Social e tan só 38% das persoas traballadoras viron incrementado o seu salario nun contexto no que azouta a inflación (especialmente na Galiza), e ademais, un estudo de BBVA sinala que o PIB galego ficará como o máis baixo a nivel estatal en 2023. Todos eles sinais que indican que unha recesión podería estar próxima e que as consecuencias poderían ter especial repercusión na Galiza.
As vendas polo miúdo na zona euro caeron 3,7% en xuño con respecto ao mesmo mes de 2021. Praza de abastos de Compostela (Foto: Arxina)
photo_camera As vendas polo miúdo na zona euro caeron 3,7% en xuño con respecto ao mesmo mes de 2021. Praza de abastos de Compostela (Foto: Arxina)

A actividade do sector privado da zona euro rexistrou o pasado mes de xullo a súa primeira contracción en 17 meses como consecuencia do impacto na demanda da elevada inflación, segundo reflicte o índice composto de xerentes de compras, que baixou até os 49,9 puntos desde os 52 do mes anterior.

"O moi esperado aumento do gasto das persoas consumidoras tras a relaxación das restricións da pandemia está a frustrarse a medida que os fogares están cada vez máis preocupados polo aumento do custo de vida, o que significa que o gasto discrecional está a desviarse a elementos esenciais como os alimentos, as subministracións e o pago de préstamos", indicou Chris Williamson, economista xefe de S&P Global Market Intelligence. 

Por outra parte, o volume de comercio polo miúdo da zona euro rexistrou o pasado mes de xuño unha caída de 3,7% respecto do ano pasado, o que representa a maior baixada interanual das vendas polo miúdo desde xaneiro de 2021. Desta forma, aparecen os primeiros sinais da crise económica na eurozona que moitos expertos situaban para despois do verán. 

Na segunda feira, o Ministerio de Traballo e Economía Social daba a coñecer os datos do desemprego no Estado español no mes de xullo, que experimentaba unha suba de 0,1%. Nesa mesma xornada, tamén se coñeceu a perda de 7.366 persoas afiliadas á Seguridade Social española, cunha caída de 0,04% respecto aos datos rexistrados o mes anterior, o peor dato da última década, segundo as cifras presentadas polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Estes datos supoñen, segundo o centro de estudios e divulgación do grupo Adecco, "malas cifras" de afiliación, contratación e desemprego que "confirman unha tendencia de desaceleración económica, marcada pola incerteza do momento actual".

Unha crise que podería ter unhas consecuencias aínda peores na Galiza, pois, como sinala BBVA Research, o crecemento económico galego esperado para o ano 2023 situaríase como o máis baixo de todas as autonomías do Estado, en 0,8%, mentres que a nivel estatal se espera unha repunta do PIB en 2023 de 1,8%.

Ademais, nun contexto de escalada inflacionista, do que a Galiza unha vez máis volve ser un dos territorios máis afectados cunha suba de prezos de 11,1% no mes de xuño, só 38% das persoas traballadoras do Estado español tivo un aumento de salario nos últimos doce meses, segundo a enquisa 'Salarios e Poder Adquisitivo', publicada esta terza feira por InfoJobs, un dato que  fai ver como unha gran porcentaxe da poboación ten experimentado unha perda importante da capacidade de compra.

Plans de axuste

Adrián Dios, profesor de Historia Económica na Universidade de Santiago de Compostela (USC), explicou a Nós Diario que "tal e como está cambiando o mundo é difícil saber se estamos ás portas dunha nova crise económica e se esta tería unha especial afectación na Galiza". 

Porén, subliña, "parece realista pensar que si, que nalgún momento probabelmente en 2023 vai haber cifras de crecemento do PIB moi baixas ou incluso negativas porque sobre todo o efecto da inflación e da suba dos tipos de xuro que está agora desenvolvendo o Banco Central Europeo (BCE) van restrinxir moito a actividade económica en toda a zona euro".

Neste contexto, explica o profesor da USC, "como non se controlen os prezos enerxéticos dunha forma moito máis ambiciosa do que se está facendo nestes momentos é posíbel que vivamos unha nova recesión". 

Segundo apunta Dios, "se o BCE continúa a política de contención da inflación vía tipos de xuro, o que vai acabar acontecendo é que varios Estados van rematar somerxidos unha vez máis en plans de axuste a partir da segunda metade de 2023, cando comecen a aparecer problemas fiscais, sobre todo nos Estados do sur da zona do euro".

O prezo do aceite aumentou 56% desde o comezo de 2021

Os prezos do aceite aumentaron 56% no Estado español desde o principio de 2021, cando comezou a escalada de prezos das materias primas alimenticias, mentres que os cereais encarecéronse 17%, os lácteos e ovos 16% e a carne 10%.

Pola súa parte, na área do euro, o aceite é agora 34% máis caro, e os cereais e os lácteos e ovos son 12% e 13% máis custosos, respectivamente. Así, corrobórase como no Estado español os prezos aumentaron de forma máis notábel desde principios de 2021.

"O aumento dos prezos das materias primas alimenticias que se está producindo a escala global está a repercutir intensamente nos prezos de consumo destes produtos que afrontan os fogares", apunta o informe titulado O aumento dos prezos das materias primas alimenticias e a súa translación aos prezos de consumo na área do euro, publicado esta terza feira polo Banco de España.

En xuño, o prezo do aceite na área do euro aumentou 29% con respecto ao mesmo mes de 2021, e os cereais e o café 11%, mentres que lácteos e ovos, e carne fixérono ao redor de 12%. Nese mes, no Estado español, o prezo do aceite incrementouse 37% con respecto a xuño de 2021, e os cereais, o café, os lácteos e ovos, e a carne fixérono 16%, 11%, 16% e 10%, respectivamente.

Mentres que no conxunto da área do euro o peso dos alimentos na cesta da compra sitúase en 17% e os alimentos contribuíron 0,9 puntos porcentuais ao avance do índice harmonizado de prezos de consumo, en media, nos tres últimos trimestres, no Estado español este peso ascende a 22% e a contribución media foi de 1,4 puntos porcentuais.

De acordo coa información máis recente, correspondente a xuño, a contribución dos alimentos á taxa de inflación xeral no Estado español foi de 2,9 puntos, fronte a 1,7 puntos na zona do euro.
 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios