A luz sobe 34,7% e alcanza o maior prezo desde a aplicación da 'excepción ibérica'

O consumo enerxético peninsular caeu 9,5% durante a última semana.
O prezo da luz chega hoxe aos 365,33 euros por megawatt hora (Foto: Dmitri J S).
photo_camera O prezo da luz chega hoxe aos 365,33 euros por megawatt hora (Foto: Dmitri J S).

O prezo medio da luz para as persoas usuarias de tarifa regulada vinculadas ao mercado almacenista dispárase esta terza feira 34,77% con respecto á segunda feira, até os 365,33 euros por megawatt hora (MWh), segundo os datos do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía.

O prezo é o resultado de sumar a media da poxa no mercado almacenista á compensación que pagan as persoas usuarias ás centrais pola aplicación da 'excepción ibérica' para pór tope ao prezo do gas para a xeración de electricidade.

Así, rexistrarase o prezo máis alto desde a entrada en vigor da 'excepción ibérica', superando por primeira vez os 360 euros/MWh, incluída a compensación.

En ausencia do mecanismo da 'excepción ibérica', o prezo da electricidade no Estado español sería de media duns 476,76 euros/MWh, o que supón 111,43 euros máis que coa compensación para as persoas usuarias da tarifa regulada, que desta forma pagarán 23,37% menos de media.

O 'mecanismo ibérico', que entrou en vigor o pasado 15 de xuño, limita o prezo do gas para a xeración eléctrica unha media de 48,8 euros por MWh durante doce meses, cubrindo así o próximo inverno, no que, previsibelmente, os prezos da enerxía serán máis caros.

En concreto, a 'excepción ibérica' fixa un prezo para o gas na xeración de electricidade de 40 euros/MWh nos seis meses iniciais, e un incremento mensual posterior de cinco euros/MWh até a finalización da medida.

Cae o consumo eléctrico

O consumo eléctrico no Estado español caeu un 9,5% a pasada semana, a segunda desde que entraron en vigor as medidas do plan de aforro enerxético aprobado polo Execuivo estatal a principios de agosto, segundo indicou o director do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), Joan Groizard.

"Baixou o consumo eléctrico 9,5% nunha semana e, comparado con 2021, algo máis de 8,5%, é dicir, estamos a falar dun aforro superior á cantidade de 4% que viamos na primeira semana", sinalou.

Segundo datos de Rede Eléctrica, o operador do sistema, a demanda peninsular do 15 ao 21 de agosto foi de 4.232 xigawatts hora (XWh), 10% inferior á da semana anterior e 8,8% por baixo con respecto á mesma semana do 2021.

No entanto, a pasada semana contou cun día máis de festivo, o día 15 de agosto, que foi festividade en todo o Estado, xornadas estas na que a demanda eléctrica adoita ser menor aos días laborábeis.

A ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno español, Isabel Rodríguez, afirmou esta segunda feira que o Executivo xa está a traballar para lograr o máximo número de apoios posíbeis, incluído o do PP, para sacar adiante o decreto de aforro enerxético no Congreso na votación desta quinta feira.

Unidas Podemos, socio de coalición do PSOE no Goberno, manifestou confiar nas forzas que apoiaron a investidura para confirmar o decreto fronte a un PP que tachan de "irresponsábel".

O coordinador xeral do PP, Elías Bendodo, anunciou esta segunda feira que o seu partido votará en contra do decreto salvo que esta terza feira, no Consello de Ministros, se eliminen o que considera "frivolidades".

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, descartou esta segunda feira o voto en contra do decreto. Porén, afirmou que as medidas contempladas son "insuficientes" ademais de "incorporar outras valoradas negativamente". 

O prezo do gas sobe 18% nos mercados de referencia europeos

O encarecemento da luz prodúcese cuns niveis do prezo do gas TTF en Holanda, de referencia no mercado europeo, en niveis máximos. A cotización a futuros (a das vendas comprometidas entre partes con antelación) para setembro tamén se situou a niveis récord, con case 290 euros/MWh tras rexistrar unha suba de máis de 18%. No mercado ibérico de gas natural o prezo alcanzou onte os 189,56 euros/MWh.

A suba dos prezos vén no medio da crise enerxética que se está a vivir en Europa desde que comezou a aplicación de sancións contra Rusia. Previamente, a empresa enerxética rusa Gazprom anunciou que suspenderá o fluxo de gas a través do gasoduto Nord Stream 1 por tres días, desde o 31 de agosto até o 2 de setembro, polas labores de mantemento programadas para a única turbina operativa do gasoduto. 

Comentarios