A economía portuguesa dispárase e medra o dobre que a galega

O Foro Económico de Galicia vén de presentar os resultados do seu informe sobre a conxuntura socioeconómica do país, no que advirte que a economía galega crece, mais faino por baixo do ritmo do Estado español e sinala que aínda está lonxe dos niveis previos á pandemia.
O PIB galego creceu menos da metade que o portugués. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O PIB galego creceu menos da metade que o portugués. (Foto: Nós Diario)

A economía galega medra, mais faino por baixo do ritmo do conxunto do Estado español e con problemas para xerar emprego e cambiar a base produtiva, o que dificulta que se alcancen os niveis económicos previos á pandemia, algo que xa conseguiron en Estados como Portugal, Italia ou Francia, mais que aínda non se albisca para a Galiza.

Este é o diagnóstico do Foro Económico de Galicia, que advirte que a economía galega está menos preparada para enfrontar o escenario de "incertezas" que se aveciña nos próximos meses polas consecuencias da crecente inflación, os aínda latentes efectos da pandemia e o impacto da guerra.

O Foro presentou esta cuarta feira en Compostela o informe de conxuntura socioeconómica da Galiza do primeiro trimestre de 2022, no que a economía galega creceu 5,1%, unha porcentaxe "significativamente" inferior á media estatal, de 6,4%. Datos que contrastan, aínda máis, por exemplo, con casos como o de Portugal, cun crecemento de 11,9% impulsado pola demanda interna na economía.

A institución recolle que a inflación é xa o problema que máis preocupa á sociedade galega e avisa de que a espiral de prezos pode ter maior impacto na Galiza que noutros lugares polas súas características socioeconómicas.

Así mesmo, considera que a Galiza mantén os seus problemas para o "relanzamento" da economía debido á súa "pouca resiliencia", que dificulta a capacidade de responder os problemas que xorden no plano internacional.

"Crecemos, mais non tanto como España. Xeramos emprego, mais non tanto como España. E tampouco somos capaces de cambiar as bases produtivas", sentenciou Fernando González Laxe, coordinador do Foro e catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña, que considera que a Galiza ten problemas para "adaptarse á nova era" que se abre na economía global.

A ameaza da inflación

"A inflación é a grande ameaza da situación económica", aseverou outro dos autores do informe, José Francisco Armesto Pina, que foi o encargado de analizar a evolución da economía durante o primeiro trimestre de 2022 e as previsións para os próximos meses, marcadas polas malas expectativas provocadas pola inflación.

De abril a xuño, a economía galega consolidou a súa evolución positiva de crecemento grazas á demanda externa, algo que, para o Foro, constitúe un elemento de "alerta" a ter en conta porque "é de esperar" que esta se reduza polas circunstancias do contexto económico internacional.

Estas incertezas ligadas á inflación, a Covid e a guerra obrigaron a rebaixar as expectativas de crecemento, situadas polo IGE en 6%, mais que se moverá finalmente entre 4 e 4,8%, sinalan.

A inflación provocará a redución do consumo e diminuirá aínda máis o investimento das empresas, o factor "máis negativo" que existe na Galiza. Todo isto terá un impacto na taxa de supervivencia das empresas e afectará "dunha forma moi importante ás micropemes", resaltou Armesto.

As exportacións sitúanse por encima dos niveis previos á crise da Covid impulsadas polo téxtil, un dos sectores con mellores datos  no primeiro tramo do ano. Tamén arroxa balance positivo o sector primario, aínda que a alza de prezos supón unha ameaza, especialmente para o sector pesqueiro.

A construción mantense en niveis de contracción por sétimo trimestre consecutivo. A industria tamén diminúe, aínda que medra o sector manufactureiro, porén, aínda "moi lonxe" do obxectivo marcado no plan estratéxico, que sinala este sector como chave para a transformación do modelo produtivo da Galiza.

Comentarios