O euro, en mínimos históricos, achégase á paridade co dólar

A depreciación agravouse desde o inicio da guerra en Ucraína. Pola contra, o rublo vale hoxe case o dobre que en febreiro.
O euro cotiza por baixo dos 1,01 dólares. (Foto: Europa Press)
photo_camera O euro cotiza por baixo dos 1,01 dólares. (Foto: Karl-Josef Hildenbrand / DPA)

A depreciación do euro segue a bater marcas históricas. A moeda oficial en 19 países da Unión Europea (UE) principiou a semana marcando o valor máis baixo nas dúas últimas décadas, cotizando a 1,0281 dólares estadounidenses.

Mais ese rexistro queda agora superado polo que se vén de alcanzar na mañá desta sexta feira: por vez primeira desde finais de 2002, o euro cotizou por baixo dos 1,01 dólares.

En concreto, contra as 9.30 horas, a moeda da UE intercambiábase a 1,0072 dólares dos EUA, e a media da xornada fica, até o momento de escribir estas liñas, en 1,0111.

A paridade entre ambas as dúas moedas podería alcanzarse antes de que conclúa o presente ano, segundo varios informes elaborados, entre outros organismos estadounidenses, pola axencia de noticias Bloomberg.

Que consecuencias ten a depreciación do euro?

Unha das principais consecuencias de que o euro e o dólar dos EUA alcancen a paridade é que o mercado enerxético para a Unión Europea sufrirá un encarecemento pronunciado nas vindeiras semanas e meses.

Isto débese a que o mercado enerxético depende na súa gran maioría da moeda estadounidense, polo que os euros da UE serven para pagar cada vez menos petróleo e gas natural importado polos EUA. Máis cando os prezos de ambos produtos xa está en niveis históricos por mor da situación bélica en Ucraína e das medidas sancionadoras da meirande parte da comunidade internacional a Rusia.

O rublo medra

De feito, a moeda rusa, o rublo, incrementou considerabelmente o seu valor desde o inicio da invasión de Ucraína. Así, un euro intercambiábase en febreiro por 106 rublos, mentres hoxe cotiza a 61,83.

Comentarios