Garamendi equipara as críticas ao seu alto salario a "cando hai unha violación e din que a moza levaba minisaia"

O presidente da patronal cre que con todo o que se está dicindo sobre o seu soldo en CEOE estase a facer unha "campaña" para destruílo.
O presidente da patronal española, Antonio Garamendi, nunha rolda de prensa. (Foto: Apie)
photo_camera O presidente da patronal española, Antonio Garamendi, nunha rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

O presidente da CEOE, Antonio Garamendi, criticou esta cuarta feira, en declaracións a Telecinco e Antena 3, un "ataque constante" aos empresarios por parte de membros do Goberno español como parte dunha "campaña de descrédito" ao mundo empresarial: "Esta semana tocoume a min", sinalou, en referencia á polémica xerada arredor do elevado salario que percibe na patronal, duns 380.000 euros anuais.

Garamendi afirmou que o seu soldo non se incrementou 9%, senón 3%, a mesma porcentaxe que o resto do persoal da CEOE, e negou que teña que regularizar a súa situación laboral. "É falso. Non teño que regularizar absolutamente nada. En España hai máis de 200.000 persoas como eu, que teñen que pagar dúas veces a Facenda. Eu son autónomo e seguireino sendo porque os empresarios non podemos estar no Réxime Xeral", subliñou.

"Nin son 400.000 euros nin subín 9% porque, ademais, non son eu, isto é un tema dunha entidade privada. A Xunta Directiva son 255 membros e é o que se aprobou. Pódelle gustar á xente ou non", defendeu.

O empresario vasco cre que con todo o que se está dicindo sobre o seu soldo en CEOE estase a facer unha "campaña" para destruílo, pero avisou de que seguirá adiante, porque é "do Norte" e aguantará. "Que o Goberno estea a mandar mensaxes de división, paréceme gravísimo. Estase a acusar co dedo e agora tocoume ao meu, porque estou só", denunciou.

Preguntado polas críticas do presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros, de que non lle parece "sensíbel" o soldo de Garamendi e de que esta situación pode "complicar" a vida á clase empresarial, Garamendi sinalou que o seu salario "nin complica nin descomplica".

Acto seguido, pronunciou unhas polémicas palabras que suscitaron infinidade de reaccións: "Perdoa o exemplo, pero isto é como cando hai unha violación e din que a moza ía en minisaia. Non acepto polbo como animal de compañía".

Antonio Garamendi insistiu en que o seu salario foi aprobado pola Xunta Directiva da CEOE e que é unha decisión adoptada no seo dunha organización privada. "Só faltaba que o Goberno teña que decidir o que temos que ser ou dicir ou decidir algúns para opinar sobre o que se fai ben ou mal", sinalou.

Comentarios