A patronal galega respalda o salario de case 400.000 euros para Antonio Garamendi por presidir a CEOE

Juan Vieites, representante do empresariado galego, pide "non focalizar nas empresas como os malos da película".
De esquerda a dereita, o conselleiro Diego Calvo; o presidente da CEOE, Antonio Garamendi; o da CEG, Juan Vieites, e o vicepresidente Francisco Conde. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera De esquerda a dereita, o conselleiro Diego Calvo; o presidente da CEOE, Antonio Garamendi; o da CEG, Juan Vieites, e o vicepresidente Francisco Conde. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O presidente da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), Juan Vieites, pediu esta quinta feira "respectar" a decisión da patronal española, a CEOE, de aprobar unha contraprestación económica para o seu máximo representante, Antonio Garamendi, que roldaría os 380.000 euros. Os catro anteriores anos mantivera coa entidade unha relación laboral como autónomo e percibía perto de 350.000 euros.

A cuestións dos xornalistas durante unha rolda de prensa xunto á embaixadora de Polonia en España, Vieites apuntou que a patronal é unha asociación "cos seus órganos de goberno" e engadiu que foron os seus membros os que aprobaron esa "contraprestación económica determinada, en función da responsabilidade que ten o presidente da CEOE".

"Creo que isto vén xa desde hai moitas décadas. Sempre cobraba para as actividades que ten que desenvolver propias do cargo. Se é aprobado polos órganos de goberno da propia CEOE, que non é nin un, nin dous, nin catro, nin vinte... Son bastantes máis", reflexionou. Neste senso, instou a "empezar a respectar as decisións que se toman nos órganos de goberno das organizacións", ben sexan de carácter empresarial, sindical "ou o que sexa".

A continuación, rexeitou "focalizar nas empresas como os malos da película" porque iso "non beneficia", ao seu xuízo, senón que "produce unha deterioración" institucional. Por iso mostrou a súa oposición ao "ataque ás empresas" e reivindicou que "o colectivo de empresarios é o que xera riqueza".

"Crispar a situación"

Cuestionado de novo pola postura da patronal nas negociacións para subir o salario mínimo interprofesional (SMI), Juan Vieites afirmou que non foi a patronal a que marchou, senón que a "botaron da mesa".

A este respecto, recoñeceu que o Goberno estatal "pode facelo", xa que "de maneira unilateral pode tomar as decisións", pero agregou que, se a CEOE "non pinta nada" e "non se lle vai escoitar ningunha das propostas, para que vai ir".

"Para crispar máis a situación?", preguntouse. O máximo representante do empresariado galego lamentou tamén que haxa un Executivo "que non é amigo" nin "amigábel" coas empresas, e exixiu unha vez máis ser "máis respectuosos co mundo empresarial".

Comentarios