As Pontes e Meirama seguen sen concurso público da evacuación da enerxía

Rede Eléctrica cancela a súa reunión coa CIG.
Central térmica de Endesa no municipio das Pontes. (Foto: Raúl Lomba / Europa Press)
photo_camera Central térmica de Endesa no municipio das Pontes. (Foto: Raúl Lomba / Europa Press)

A CIG leva tempo demandando unha explicación sobre o motivo polo cal As Pontes e Meirama non terán un concurso público para a concesión da capacidade de evacuación que liberan as dúas centrais térmicas no momento do seu fechamento. 

Para abordar esta cuestión, "fundamental" para ambas comarcas, "xa que dela dependen as súas posibilidades de reindustrialización", a CIG solicitou unha xuntanza con Rede Eléctrica (REE) que, despois de fixar a data o propio organismo, suspendeu "sen aclarar as razóns".

A capacidade de evacuación, 1.400 megawatts (MW) nas Pontes e 550 MW en Meirama, "é o elemento principal e diferencial que permitiría acometer con garantías unha verdadeira transición xusta, mais alá dos anuncios empresariais sen compromiso firme", sostivo a CIG.

"Todos os proxectos de renovábeis que se anuncian na Galiza, tanto eólicos como centrais de bombeo hidroeléctricas e proxectos de hidróxeno verde, precisan de capacidade de evacuación, que agora mesmo é moi limitada", engadiu o sindicato, que sinalou que por iso "ten un alto valor estratéxico".

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) informou de que tanto As Pontes como Meirama non ían ter un concurso público, a diferenza do que xa se fixo en Andorra (Teruel), pois segundo alegou, as centrais galegas non deixan ningún MW libre. 

Ao respecto, a Federación de Industria da CIG, coa mediación do portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, solicitou unha reunión con REE, fixada para a pasada quinta feira, mais que a entidade "suspendeu con desculpas para adiala sen dar unha nova data".

Precisamente desde o concello das Pontes, o BNG reivindicou esta sexta feira unha "transición enerxética xusta e democrática". "Non podemos permitir que se lle pretenda pór a etiqueta de verde ao espolio de toda a vida", esgrimiu a forza nacionalista.

O BNG tamén apuntou que para este obxectivo é preciso "facer un concurso con eses 1.400 MW que van quedar liberados" co cesamento da central térmica de Endesa.

Comentarios