Gonzalo Caballero arremete contra Formoso: "A realidade das Pontes non é extrapolábel á Galiza"

Valentín González Formoso non quixo desvelar se será o candidato á Presidencia da Xunta nas vindeiras eleccións galegas.
O deputado socialista Gonzalo Caballero. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado socialista Gonzalo Caballero. (Foto: Nós Diario)

O que fora secretario xeral do PSdeG e actual deputado no Parlamento galego, Gonzalo Caballero, avisou o actual líder da formación, Valentín González Formoso, de que a "realidade política, ecolóxica e económica" das Pontes "non é extrapolábel á Galiza".

En declaracións difundidas aos medios, o político vigués mostrou o seu "respecto" á decisión anunciada polo actual secretario xeral do PSdeG de volver competir pola Alcaldía deste municipio nas próximas eleccións do 28 de maio.

"Se considera que o maior servizo á Galiza é ser alcalde das Pontes hai que respectalo, mais Galiza é moito máis que As Pontes", dixo Caballero.

Ademais, incidiu na necesidade de que a dirección do PSdeG "acerte" no rumbo para conseguir que a formación "avance" nas próximas eleccións como avanzou nos últimos anos, co reto de "superar 33% dos votos" que os socialistas obtiveron nas municipais de 2019 no país.

Repite como candidato

Caballero fixo estas declaracións após o anuncio de Formoso de que repetirá como candidato á Alcaldía das Pontes, municipio do que é rexedor desde 2007, cargo que compatibiliza co de presidente da Deputación da Coruña e co de secretario xeral dos socialistas galegos.

Con todo, non desvelou se optará nun futuro ás primarias para ser o candidato do PSdeG á Xunta.

"Estamos no momento no que estamos e quero ser respectuoso coa miña xente no sentido que o que toca agora son as municipais, non nos podemos adiantar a acontecementos futuros, tócanos avaliar esta decisión e dar un paso á fronte polo futuro industrial da Galiza e do noso concello", apuntou.

Comentarios