Augas da Galiza autoriza a explotación hidroeléctrica dunha central nas Pontes

Empresas de capital foráneo inzan a Galiza de proxectos hidráulicos.
A proba será na lagoa artificial das Pontes (Foto: Manolo Feal).
photo_camera O proxecto de central hidroeléctrica reversíbel proxectada pola empresa andaluza Magtel empregaría a lagoa artificial das Pontes (Foto: Manolo Feal).

A empresa andaluza Magtel anunciou esta cuarta feira o visto bo por parte de Augas da Galiza, organismo dependente da Consellaría de Infraestruturas da Xunta da Galiza, do seu proxecto para desenvolver a central hidroeléctrica reversíbel As Pontes, cunha potencia de 250 Megawatts (MW), aproveitando a lagoa artificial creada no municipio sobre unha mina de lignito.

A empresa, que ten as súas sedes principais en Córdoba, Sevilla e Madrid, proxecta un investimento de case 264 millóns de euros, cun prazo de execución de 48 meses, na nova central, que contaría con 3.907 MWh de enerxía almacenábel. Estímase que a enerxía producida anual sería de 456,25 xigawatts por hora (XWh).

Arturo Buenaventura, director de hidráulica e medio ambiente da empresa andaluza explicou esta cuarta feira o funcionamento da central hidroeléctrica proxectada. "Este tipo de centrais conectan dous depósitos de auga, un inferior e outro superior, neste caso o inferior é a propia lagoa das Pontes e o superior sería unha balsa que construiríamos", explicou.

Segundo afirmou, o sistema bombea auga aproveitando enerxía desde unha masa de auga á outra "en determinadas horas", para que esta despois poida xerar de novo electricidade a través da potencia hidráulica da súa caída.

Roi Cuba, presidente de Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), en declaracións a Nós Diario, sinala que "esta estación de repotenciamento eléctrico é un paso máis na situación de espolio que ten lugar no noso territorio".

"É un novo proxecto que se suma á enxurrada que temos de proxectos eólicos e outros que saíron de hidráulicas como o da zona do Valadouro (A Mariña), que son moi difíciles de xustificar porque o feito de bombear augas a un tramo superior, ademais do propio impacto que ten o propio encoro no lugar, ecoloxicamente pode facilitar o paso a especies exóticas invasoras e xerar moitos problemas socioeconómicos a través da súa afectación ás explotacións agrograndeiras e á cidadanía da proximidade", explica Cuba.

Non son os únicos proxectos deste tipo que se atopan en tramitación. Alén do visto bo á central hidroeléctrica reversíbel As Pontes por Augas da Galiza e da central promovida pola aragonesa Atalaya Generación que afectaría a Zona de Especial Conservación (ZEC) do Xistral, no Valadouro, a madrileña Capital Energy tamén presentou en xuño deste ano un novo proxecto hidráulico similar no río Tambre.

Capital Energy insiste en explotar recursos galegos

Capital Energy, a enerxética madrileña de cuxo proxecto para a explotación eólica mariña con 34 aeroxeradores de 260 metros de altura en fronte da ría de Vigo foron coñecidos os detalles na últimas horas, conta con outras propostas para a explotación dos recursos naturais galegos.

A firma presentou ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico un proxecto para desenvolver unha central hidroeléctrica reversíbel no río Tambre. O proxecto empregaría o encoro Barrié de la Maza, en Brión, e a súa afectación tamén se estendería aos municipios de Negreira, Lousame e Rois.

Este proxecto sumaría 360 MW de potencia explotada polo grupo madrileño aos 510 que se derivarían da aprobación do parque eólico mariño que Capital Energy promove na costa galega.

Un de cada catro XWh hidráulicos do Estado provén da Galiza

A enerxía hidráulica, con 7.692 XWh no ano 2021, foi a segunda tecnoloxía que máis produciu na Galiza, alcanzando 31,8% do total. De feito, un de cada catro XWh hidráulicos que se producen no Estado teñen a súa orixe na Galiza.

En 2021, xerouse 74,3% da produción eléctrica do país a partir de fontes de orixe renovábel, coa eólica como a primeira fonte de xeración galega, con 39,5%. Mentres tanto, no Estado, as renovábeis non chegan a 50%.

Comentarios