O BNG reivindica desde As Pontes unha "transición enerxética xusta e democrática"

Ana Pontón reivindicou un centro de I+D+i en materia de almacenamento de enerxía para esta localidade do Eume.

Ana Pontón e Carmela Franco, no centro, durante a visita á empresa Intacta. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón e Carmela Franco, no centro, durante a visita á empresa Intacta. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, reclamou esta sexta feira, durante unha visita ás Pontes (comarca de Eume), unha "transición enerxética xusta e democrática".

"Non podemos permitir que se pretenda pór a etiqueta de verde ao espolio de toda a vida", esgrimiu, antes de advertir que, para que haxa unha transición enerxética xusta, o primeiro que toca é "facer un concurso con eses 1.400 megawatts que van quedar liberados" co cesamento da central térmica de Endesa.

Estas declaracións realizounas a líder dos nacionalistas nas Pontes, após unha visita a unha empresa da localidade, no polígono industrial de Penapurreira e a un centro de día, na que estivo acompañada de varios dos integrantes da lista electoral do BNG ás próximas eleccións municipais do 28 de maio, que encabeza Carmela Franco.

"En lugar de proxectos serios a través dun concurso xusto de transición, asistimos a unha serie de anuncios propagandísticos, unha especie de mercadeo sen rigor nin solvencia, porque máis aló de titulares de prensa non hai proxectos documentados e avaliado por unha autoridade”, explicou.

"Cremos que para que esa transición sexa xusta ten que ter proxectos concretos de desenvolvemento nas zonas afectadas e o que estamos a ver nas Pontes é que hai moitos anuncios, que hai moita propaganda, pero non hai unha garantía de que se faga esa transición enerxética xusta", agregou, a continuación.

Centro de I+D+i de almacenamento de enerxía

A portavoz do BNG posicionouse a favor de executar nesta localidade "un centro de I+D+i en materia de almacenamento de enerxía", xa que estimou que "esa é unha das claves de futuro da transición enerxética". "Entendemos que unha forma tamén de compensar as Pontes polo custo que teña esa transición aquí", dixo.

Pontón, ademais de proxectos industriais, defendeu que As Pontes "tamén necesita servizos públicos de calidade", e así reclamou "unha residencia pública para as persoas maiores".

"Levamos vendo nestes 16 anos como a Xunta lle deu as costas a esta localidade, e pensamos que é o momento de cumprir tamén en materia de servizos públicos e no relacionado tamén coa sanidade", queixouse, ao incidir que se producen "os problemas sanitarios xerados polos recortes".

Comentarios