O anuncio de Sentury dunha nova factoría en Tanxer deixa no ar o futuro das Pontes

O director executivo da filial española da firma chinesa deixa a compañía.
O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde (no centro), nunha reunión con Warren Rudman (na súa fronte), de Sentury Tire (Foto: Moncho Fuentes).
photo_camera O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde (no centro), nunha reunión con Warren Rudman (na súa fronte), de Sentury Tire. (Foto: Moncho Fuentes)

A empresa chinesa fabricante de pneumáticos Sentury Tire vén de anunciar a súa intención de desenvolver un novo proxecto para a instalación dunha factoría na cidade marroquí de Tanxer cun investimento superior aos 280 millóns de euros. Ao tempo, segue no aire o futuro da fábrica que a firma tiña previsto instalar no municipio das Pontes.

O fabricante de pneumáticos explicou que seleccionou Marrocos como o seu lugar de investimento, xa que ofrece unha contorna política e económica "estábel" e “unha localización xeográfica excelente” en termos de proximidade a Europa. 

“Marrocos está situado no extremo noroeste de África e é un centro que conecta os tres principais mercados da Unión Europea (UE), Medio Oriente e África”, sinalou a compañía.

Antes de coñecerse a intención de Sentury de desenvolver un proxecto nas Pontes, a compañía descartara a posta en marcha dunha factoría nos Estados Unidos de América (EUA), concretamente na cidade de Lagrange do Estado de Xeorxia.

O anuncio da nova factoría en Marrocos deixa no ar o proxecto de Sentury Tire nas Pontes, xa que aínda que a firma chinesa non descartou polo momento o desenvolvemento dunha fábrica na Galiza, a planta en Tanxer podería provocar o descarte da nova localización no municipio galego, ao igual que aconteceu en Lagrange.

No caso dos EUA, a fábrica da marca chinesa foi anunciada en 2016. Porén, a posta en marcha foi paralizada en 2019, sen que xurdiran novas informacións ao respecto desde aquel momento. 

Dous anos despois, en 2021, a compañía desembarcou no Estado español, para posteriormente facer o anuncio dos seus plans na Galiza a comezos do ano 2022. A pregunta agora é se o proxecto seguirá adiante.

Fontes coñecedoras dos detalles do proxecto de Sentury Tire nas Pontes consultadas por Nós Diario aseguran que precisamente unha das principais intencións da empresa era a de entrar no mercado dos EUA a través da produción na Galiza, aproveitando os acordos comerciais entre o país norteamericano e a UE, así como a situación da Galiza no Atlántico.

As mesmas fontes consideran estraña a creación de dúas factorías, unha en Tanxer e outra nas Pontes, moi próximas e en áreas xeográficas semellantes, polo que subliñan a posibilidade de que o proxecto na Galiza sexa substituído pola opción marroquí, tendo en conta ademais que o país africano tamén ten un acordo de libre comercio cos EUA.

Rudman deixa a empresa

O anuncio da nova factoría en Tanxer coincidiu no tempo coa despedida do director executivo da firma chinesa no Estado español. Horas despois do anuncio de Sentury Tire, Warren Rudman deixou o seu cargo na fábrica de pneumáticos.

Ao anunciar a súa marcha, verbalizou un "agradecemento especial á Xunta polo grande apoio e axuda para desenvolver este proxecto -a factoría nas Pontes-". Porén, deixou entrever a incerteza sobre a continuidade dos plans da compañía na Galiza: "Teño a esperanza de que Sentury faga este proxecto realidade e tamén lles desexo a mellor das sortes co seu proxecto en Marrocos", sinalou Rudman.

Os sinais positivos tornan en pesimismo en apenas 15 días

Hai tan só 15 días desde que se deu a coñecer que a filial de Sentury Tire no Estado español cambiaba a súa sede no rexistro mercantil do madrileño Paseo da Castellana ao polígono industrial de Penapurreira no municipio das Pontes. Porén, este sinal positivo sobre o futuro da planta na Galiza, coa que prometen crear até 750 postos de traballo, torna agora en pesimismo, tras o anuncio da factoría en Tanxer e a marcha de Rudman.

Comentarios