Medio Ambiente dá luz verde ao parque eólico Monte da Croa, impulsado por Villar Mir en Dumbría e Vimianzo

Os sete aeroxeradores que contempla a proposta ficarían moi perto doutros dous parques eólicos de Greenalia e Naturgy que tamén foron autorizados.
Parque eólico do Corzán, en Negreira (Foto: B. Bouzas).
photo_camera Parque eólico do Corzán, en Negreira. (Foto: B. Bouzas / Arquivo)

Son xa oito os proxectos de parques eólicos autorizados pola dirección xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta no que vai de mes de novembro. O último deles, publicado esta segunda feira no Diario Oficial da Galiza (DOG), correspóndese cunha declaración de impacto ambiental (DIA) emitida o pasado 11 de novembro, canda outras catro resolucións favorábeis —Os Cotos, O Cerqueiral, Serra do Farelo e O Sobredo—.

Esta DIA refírese concretamente ao parque eólico Monte da Croa, promovido por Villar Mir Energía S.L.U. nos termos municipais de Dumbría e Vimianzo. A proposta, que conta cun orzamento de 27,4 millóns de euros, constaría de sete aeroxeradores e unha potencia total instalada de 27 megawatts (MW).

As instalacións de produción de enerxía eólica de Villar Mir, con todo, e tal e como sinala a propia DIA, ficarían a menos de dous quilómetros dos parques Alto da Croa, de Greenalia, e Monte Tourado-Eixe, de Naturgy. O primeiro conta coa DIA e o segundo está xa operativo.

Na área poligonal na que se proxecta o parque Monte da Croa, apunta Medio Ambiente na DIA, "non afecta áreas prioritarias para avifauna ameazada e/ou zonas de protección da avifauna contra liñas eléctricas de alta tensión". Tampouco atinxe espazos naturais protexidos nin elementos de interese ambiental.

Porén, a zona de implantación do parque localízase dentro da designada como zona de xestión 1 do 'Plan de xestión do lobo na Galiza', así como no ámbito de aplicación do 'Plan de recuperación da subespecie lusitanica da escribenta das canaveiras' (Emberiza schoeniclus L. lusitanica), actualmente en perigo de extinción segundo o Catálogo galego de especies ameazadas. Mais a DIA sostén que "non se prevé ningunha afección sobre a especie".

No que respecta á paisaxe, o lugar no que se proxecta o parque produciría un importante impacto coa grande área paisaxística das Chairas e Foxas Occidentais, dentro das comarcas paisaxísticas da Terra de Soneira, Terra de Fisterra e Terra do Xallas. Se ben as infraestruturas non se atopan dentro de ningunha área de 'especial interese paisaxístico', fican a sete quilómetros os Penedos de Pasarela e Traba, e a uns 9,3 km a Devesa de Anllares, dispón o documento.

Así as cousas, verán afectada a súa área de cautela pola gabia de cableado tres elementos do patrimonio cultural: o Monte do Castro, a Mámoa de Chan das Lagoas 1 e a Mámoa de Chan das Lagoas 2. O proxecto inicial tamén afectaba directamente a Mámoa das Minas pola presenza dun aeroxerador que finalmente foi desprazado cara ao oeste.

Con base nestes datos, Medio Ambiente declarou "ambientalmente viábel" o proxecto de Villar Mir "sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA".

Desde o pasado mes de xaneiro o Goberno galego concedeu as autorizacións administrativas previas e de construción a catro proxectos eólicos e emitiu as declaracións de impacto ambiental (DIA) doutros doce proxectos, dez delas consideradas ambientalmente viábeis e as dúas restantes resoltas de forma desfavorábel, referidas aos parques Albariño I e Merendón, proxectados na serra da Groba.

Comentarios