Catro parques eólicos autorizados, doce declarados "ambientalmente viábeis" e dous rexeitados en 2022 pola Xunta

O departamento de Medio Ambiente da Xunta resolveu entre xaneiro e novembro catorce declaracións de impacto ambiental (DIA), declarando doce proxectos "ambientalmente viábeis" e rexeitando outros dous.
Adega e BNG advirten da "vulneración" de normas comunitarias na tramitación de proxectos eólicos. (Foto: Y. C.)
photo_camera A Xunta declarou non viábeis ambientalmente os parques eólicos Merendón e Albariño I. (Foto: Jennifer Míguez)
  1. Os parques eólicos da serra da Groba, rexeitados
  2. Doce proxectos "ambientalmente viábeis"
  3. Catro construcións autorizadas

Desde o pasado mes de xaneiro o Goberno galego concedeu as autorizacións administrativas previas e de construción a catro proxectos eólicos e emitiu as declaracións de impacto ambiental (DIA) doutros catorce proxectos, doce delas consideradas ambientalmente viábeis e as dúas restantes resoltas de forma desfavorábel.

Os parques eólicos da serra da Groba, rexeitados

Os dous parques eólicos tombados polo departamento de Medio Ambiente da Xunta son Albariño I e Merendón, ambos os dous proxectados na serra da Groba, entre os concellos de Baiona, Oia, O Rosal e Tomiño, e as súas respectivas DIA apuntan a danos "críticos e irreversíbeis" sobre o medio natural.

A primeira das iniciativas, Albariño I, presentábaa a compañía Ceólica Hispania S.L., que prevía erguer nos termos municipais de Baiona, Oia e Tomiño seis aeroxeradores cunha potencia instalada total de 25,3 megawatts (MW). A segunda, Merendón, fora promovida por Tiraventos S.L. entre Oia e O Rosal, con cinco muíños e 21 MW.

Doce proxectos "ambientalmente viábeis"

A primeira das DIA favorábeis emitidas en 2022 correspóndese a un anuncio da dirección xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático datada do 3 de maio, e ten a ver co parque eólico Uxo, de Naturgy, que constaría de seis turbinas eólicas e 21 MW de potencia.

Galfor Eólica S.L. foi a segunda beneficiada, o 11 de xullo, por medio do proxecto Canedo, en Alfoz e Mondoñedo, con 13,5 MW repartidos en tres aeroxeradores. O 23 de setembro resolvéronse con resultado positivo tres novos expedientes: Figueiras, de Fergo Galicia Vento PEE S.L., en Alfoz, Mondoñedo e O Valadouro —cinco muíños e 22,5 MW—; Mondigo, de Esus Energía Renovable S.L., en Ribadeo e Trabada —trece aeroxeradores e 45 MW—, e Monte Peón, de Naturgy, no concello da Lama —tres turbinas e 12,6 MW—.

E no mes de novembro a Xunta pisou forte o acelerador no tocante aos trámites ambientais, pois deu 'luz verde' inicialmente ao parque eólico Meirama, de Naturgy, entre Carral, Cerceda e Ordes, con dez aeroxeradores e 44,5 MW na contorna da antiga central térmica. Cinco días despois foi a quenda do proxecto Troitomil, de Green Capital Power, na Baña e Negreira, conformado por cinco muíños e 30 MW.

O 9 de novembro foi declarado "ambientalmente viábel" o parque Ventumelo, nos municipios da Pobra de Trives, Ribas de Sil e San Xoán de Río, cuxo promotor é Wind Hero S.L. e que prevé erguer doce aeroxeradores cunha potencia total de 50 MW.

Finalmente, o día 11 recibiron a DIA favorábel outros catro parques eólicos: Serra do Farelo, de AV Serra do Farelo S.L., en Arbo —cinco turbinas e 18 MW—; Os Cotos, de Tiraventos S.L., en Cerdedo-Cotobade —seis muíños e 30 MW—; O Cerqueiral, de Greenalia, en Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba —seis aeroxeradores e 27 MW—, e O Sobredo, de Parque Eólico O Sobredo S.L., en Arbo —cinco muíños e 18 MW—.

Catro construcións autorizadas

Por outra parte, no que vai de ano 2022 a Xunta outorgou as autorizacións administrativas previas e de construción a catro proxectos eólicos. O primeiro deles, aprobado o 4 de xaneiro, denomínase Lagoa II, e está impulsado por Engasa Lagoa S.L. en Santa Comba e Zas, con sete aeroxeradores e unha potencia instalada total de 24 MW.

O 4 de maio chegou a quenda de Paxareiras II, en Dumbría, promovido por AV Paxareiras S.L.U. con oito muíños e 24 MW. En terceiro lugar, o 30 de xuño obtivo a 'luz verde' do Goberno galego o parque eólico A Ruña III, de Eurus Desarrollos Renovables S.L.U., no termo municipal de Mazaricos. Constaría de tres turbinas e unha potencia de 12 MW.

Aliás, o 2 de novembro recibiu tamén as autorizacións previas e de construción o proxecto de repotenciamento do parque eólico Montouto 2000, en Arbo, A Cañiza, Covelo, Mondariz e As Neves, que sumará 7,95 MW e alcanzará os 47,7 MW de potencia instalada.

Comentarios