A Xunta pisa o acelerador cos proxectos eólicos e declara "ambientalmente viábeis" oito novos parques en novembro

Os parques eólicos Meirama, Felga, Troitomil, Ventumelo, O Cerqueiral, Serra do Farelo, O Sobredo e Os Cotos recibiron a 'luz verde' de Medio Ambiente no que vai de novembro.
Parque eólico da serra da Capelada, na comarca de Ortegal. (Foto: Imaxepress)
photo_camera Parque eólico da serra da Capelada, na comarca de Ortegal. (Foto: Imaxepress)
  1. Parque eólico Meirama
  2. Parque eólico Felga
  3. Parque eólico Troitomil
  4. Parque eólico Ventumelo
  5. Parque eólico O Cerqueiral
  6. Parque eólico Serra do Farelo
  7. Parque eólico O Sobredo
  8. Parque eólico dos Cotos

A falta de gas, bo é o vento. Garantir o abastecemento enerxético é hoxe un dos principais desafíos da Unión Europea, que aprema os estados membro para "axilizar" os trámites e "eliminar as trabas" no tocante ás avaliacións ambientais dos proxectos. Os procedementos, xustifican desde Bruxelas, son "demasiado longos e complexos".

Na Galiza hai actualmente máis de 300 parques eólicos en diferentes fases de tramitación, algúns deles vencellados a iniciativas empresariais como a de Alcoa en San Cibrao (Cervo), motivo polo cal tanto o Goberno galego como o estatal emprazan, do mesmo modo que a UE, a "axilizar" todos estes procesos administrativos. E a Xunta xa está a pisar o acelerador.

Só no que vai de novembro, a Consellaría do Medio Ambiente resolveu as declaracións de impacto ambiental (DIA) de oito proxectos, con resultado favorábel en todos os casos. Previamente, a finais de outubro, emitira unha resolución desfavorábel para outra iniciativa, o parque eólico Merendón, promovido por Tiraventos S.L. nos concellos do Rosal e Oia. Entende este departamento, por medio da dirección xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, que o impacto desta infraestrutura na serra da Groba sería "crítico" e "irreversíbel", polo que "non é ambientalmente viábel". É a segunda proposta anulada pola Xunta neste emprazamento natural, após o parque Albariño I.

Os proxectos de enerxía eólica que si considera "viábeis" a Consellaría son os parques Meirama, promovido por Naturgy entre Carral, Cerceda e Ordes; Felga, de Greenalia, en Aranga, Coirós e Oza-Cesuras; Troitomil, de Green Capital Power, na Baña e Negreira Ventumelo, de Wind Hero S.L., na Pobra de Trives, Ribas de Sil e San Xoán de Río; O Cerqueiral, de Greenalia, en Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba; Serra do Farelo, de AV Serra do Farelo S.L. en Agolada e Antas de Ulla; O Sobredo, de Parque Eólico O Sobredo S.L., en Arbo, e finalmente Os Cotos, tamén de Tiraventos S.L., en Cerdedo-Cotobade.

Os expedientes foron resoltos entre o 2 e o 11 de novembro e publicados no Diario Oficial da Galiza (DOG) nos últimos días e, con todo, todas as DIA emitidas están condicionadas para ser efectivas a unha serie de requisitos en materia de conservación do patrimonio natural e cultural, a avifauna e a vexetación, entre outras cuestións.

Parque eólico Meirama

No que atinxe ao primeiro dos proxectos que superaron o trámite ambiental, o de Meirama, Naturgy prevé situar dez aeroxeradores cunha potencia nominal unitaria de 4,45 megawatts (MW) —polo que a potencia total instalada será de 44,5 MW— na contorna das instalacións da antiga explotación mineira e da central térmica.

Na área de estudo do proxecto, tal e como recolle a propia documentación achegada pola promotora, confirmouse a presenza de varias especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) coas categorías de "vulnerábel" e de "perigo de extinción". Aliás, o Concello de Cerceda alertara nas súas alegacións de que catro dos muíños ficarían, na práctica, a unha distancia das vivendas "inferior" aos 500 metros que marca a lei, ao tempo que puña o foco en que esta distancia, se ben legal, podería resultar insuficiente, pois cando se estabeleceu en 1997 "non se pensaba en aeroxeradores destas dimensións".

Parque eólico Felga

Outro dos proxectos que vén de recibir a 'luz verde' ambiental é o parque eólico Felga, un dos seis que se proxectan sobre o monte do Gato, nos termos municipais de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras, canda os parques Gato e Penas Boas, tamén de Greenalia, e Feás, Fontella e Seselle, de Galenergy.

Con todo, a DIA favorábel para Felga estivo condicionada á eliminación, por parte da promotora, dun dos cinco aeroxeradores —ficará con catro e unha potencia total de 20,8 MW— e a modificación do acceso para evitar afeccións á necrópole megalítica alí presente. Estes seis proxectos sitúanse dentro da reserva da biosfera das Mariñas-Mandeo.

Parque eólico Troitomil

O terceiro parque eólico en cuestión é o denominado Troitomil, de Green Capital Power, que prevé a instalación de cinco aeroxeradores que reunirían unha potencia total de 30 MW nos concellos da Baña e Negreira.

A DIA está condicionada ao cumprimento de determinados requisitos en materia de conservación do medio ambiente, da fauna protexida —hai especies catalogadas como vulnerábeis no terreo—ou das augas. Así, desde o Concello da Baña sinalan que os seus técnicos estudarán "en profundidade" o documento de cara a posíbel presentación de alegacións, ao tempo que lembran que o proxecto non estará aprobado até que a empresa dea cumprimento ao disposto.

Parque eólico Ventumelo

A familia balear Mascaró está detrás, por medio de diferentes sociedades, dun 'macrocomplexo' formado por cinco parques eólicos na contorna da Ribeira Sacra, entre os municipios da Rúa, Quiroga, San Xoán de Río, A Pobra de Trives, Castro Caldelas, Ribas de Sil, Vilamartín de Valdeorras, Chandrexa de Queixa e Larouco. Os nomes dos proxectos son Neboada, Orballeira, Treboada, Ventumelo e Xeada.

Segundo figura na documentación presentada, estes parques compartirían parte das súas infraestruturas, e, aliás, dáse a circunstancia de que tres deles —Neboada, Treboada e Ventumelo— teñen unha potencia a instalar prevista de 50 MW cada un, exactamente o máximo permitido para ser tramitados a través da Xunta e non do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Os outros dous contarían, finalmente, con 33 MW.

Parque eólico O Cerqueiral

O Cerqueiral é outra iniciativa de Greenalia, desta volta nos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba, e estaría conformado por seis aeroxeradores cunha potencia total de 27 MW. A súa aprobación final está tamén condicionada a determinados factores como a elaboración dun plan de seguimento da avifauna e quirópteros presentes na zona que se verían afectados con esta infraestrutura.

Parque eólico Serra do Farelo

O parque Serra do Farelo está impulsado por AV Serra do Farelo S.L., sociedade da que é administrador único Juan Jesús Berzosa Aranguez, responsábel de diferentes proxectos eólicos na Galiza baixo o paraugas de Tasga Renovables S.L., da que Berzosa é tamén conselleiro. Esta foi outra das propostas adxudicadas no concurso eólico de 2010 —o que se aproba agora é a retramitación do proxecto—, e propón a instalación de cinco turbinas cunha potencia total de 18 MW no municipio de Arbo.

Parque eólico O Sobredo

A sociedade Parque Eólico O Sobredo S.L., cuxo administrador único é Natalio García Carral, está detrás do proxecto homónimo, que constaría de cinco aeroxeradores cunha potencia de 19,8 MW. Tamén é a retramitación dun parque adxudicado en 2010.

Parque eólico dos Cotos

Tiraventos S.L., promotora do proxecto eólico O Merendón, o único cunha DIA desfavorábel das nove que se resolveron nas últimas datas, está tamén detrás da retramitación do parque dos Cotos, en Cerdedo-Cotobade, que si vén de ser autorizado por Medio Ambiente. Seis muíños eólicos e unha potencia total instalada de 30 MW conforman este proxecto.

Comentarios