As organizacións agrarias piden "cambiar o modelo" cos fondos europeos

A UE comeza a definir en números a súa estratexia dos fondos para a recuperación pola crise da pandemia. O rural dos Estados membros recibirá 8.000 millóns de euros e desde as organizacións agrarias piden mudar as estratexias e apostar por "valorizar o produto" e facilitar o acceso á terra para motivar o relevo.
Marco da Curra, onde se cría gando vacún para carne en 54 hectáreas propiedade da Xunta da Galiza (SLG)
photo_camera Marco da Curra, onde se cría gando vacún para carne en 54 hectáreas propiedade da Xunta da Galiza (Foto: SLG)

Pouco a pouco temos máis información da distribución económica dos fondos europeos de recuperación económica que desde a Unión Europea (UE) bautizaron co nome de Next Generation EU. Onte mesmo, o pleno do Parlamento Europeo aprobou unha partida de 8.000 millóns de euros para reforzar as axudas ao desenvolvemento rural previstas na Política Agrícola Común (PAC).

Aínda que o acordo tiña previsto distribuír esta dotación extra entre os anos 2022 e 2024, os Estados membros acordaron que se adiantara 30% (2.420 millóns) en 2021 e 70% restante (5.650 millóns) en 2022. As axudas cubrirían o total das medidas que se elixan aínda que co compromiso de que un 37% se empregue en accións de apoio ao medio ambiente e outro 55% para axudar ao relevo xeracional e a unha recuperación sostíbel das explotacións.

Mudar o modelo actual

Desde as organizacións agrarias  indican que estes fondos deberían servir para mudar o modelo actual que se aplica no rural galego. "Corremos o  perigo de que estes fondos se lle entreguen a catro grupos multinacionais en vez de facer un verdadeiro tecido produtivo real que xere emprego, riqueza e sexa sostíbel", indica a Nós Diario Isabel Vilaba desde o Sindicato Labrego Galego (SLG).

Desde esta formación cren que "hai que fixarse no tecido produtivo que ten o propio territorio para ver as necesidades básicas" e, deste modo, "reforzalo porque é o que dá emprego e riqueza". 

Entre estas necesidades estaría, para Vilalba, "a valorización dos nosos produtos, somos grandes fabricantes de materia prima barata mais despois no fechamento do ciclo temos problemas".

Manuel Dacal, desde a Federación Rural Galega (Fruga), pon como exemplo "a situación do leite galego" que aínda ten problemas para a súa comercialización.

Dacal engade que é preciso "revitalizar as infraestruturas" e apostar por unha “dixitalización do rural” ademais de "investir no apoio á mobilidade da terra para dinamizar o acceso á superficie agraria útil".

Desde Unións Agrarias aseguran que solicitarán que se apliquen de maneira prioritaria "a medidas de Agroambiente e Clima, que permitan dar un maior soporte ao sector gandeiro produtor de carne, que está a sufrir a crise de prezos e de caída de demanda da carne ante os problemas do sector turístico e da hostalería".

Indican tamén  que "estará atenta ao calendario de reforma do PDR e a súa posta en marcha para lograr que estes fondos se apliquen nos sectores máis castigados pola crise orixinada pola pandemia", aseguran desde esta organización.

Desconfianza na aposta de Medio Rural

A esperanza nas opcións que poderían traer estes fondos contrasta coa desconfianza en que se aproveiten por parte da Consellaría de Medio Rural. "Hai posibilidades de produción dun modelo agroecolóxico que corresponda coas demandas da cidadanía e que ten maior valorización económica", asegura a responsábel do SLG. Pon como exemplo o caso do relevo xeracional para o que irían destinadas boa parte das axudas.

"Agora é unha carreira de obstáculos para a mocidade que se queira instalar", conta, “mesmo está orientado a que a xente se meta en proxectos que supoñan un grande endebedamento inicial con materia prima barata”, engade. Coa "tendencia" de Medio Rural, aseguran desde o SLG, "é moi difícil ese relevo, habería que facilitar o acceso á terra, apostar modelos que valoricen máis o produto e facilitarlles que lles chegue ao mercado".

A eurorrexión Galiza-Norte de Portugal entraría nos 10.000 millóns do Estado

O Parlamento Europeo tamén aprobou o programa React-EU por un importe total de 47.500 millóns de euros ás rexións da UE para contrarrestar as consecuencias da crise. Ao Estado español corresponderíanlle 10.300 millóns. Este é o segundo programa máis cuantioso do fondo europeo de recuperación. Os Estados membros poderán destinar parte do diñeiro á Iniciativa de Emprego Xuvenil ou a programas transfronteirizos (Interreg) como o de Galiza-Norte de Portugal.

A UE distribuirá estas axudas a través dos fondos estruturais (Fondo europeo de desenvolvemento rexional, Fondo social europeo, Fondo de cohesión, Fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural e Fondo europeo marítimo e de pesca).

Comentarios