O director do Foro recoñece a ocultación dos proxectos tractores ao Parlamento

Lago afirma que non se facilitan datos no Parlamento galego para salvagardar a confidencialidade dos proxectos candidatos.
Santiago Lago, director do Foro Económico, durante a súa intervención no Parlamento galego.
photo_camera Santiago Lago, director do Foro Económico, durante a súa intervención no Parlamento galego.

Galiza comeza a sentar as bases da recuperación após a crise provocada pola pandemia da Covid-19. O Parlamento Galego acolle estes días unha comisión especial sobre a reactivación económica na que hoxe participaron, entre outras persoas expertas, o director do Foro Económico da Galiza (FEG), Santiago Lago, e o profesor da UDC e ex presidente da Xunta, Fernando González Laxe, que destacaron a anticipación do Goberno galego á hora de abordar esta cuestión. 

Durante a súa intervención, o director do Foro Económico sinalou, respecto desa "anticipación", que os informes do grupo de persoas expertas que lidera na Galiza foron os primeiros en falar dos proxectos tractores, antes incluso que no Estado español e na Unión Europea. 

A este respecto, Lago afirmou que os proxectos tractores serán chaves para o impulso económico, dada a súa "incidencia sobre o valor engadido e o emprego", á vez que avoga por que cada iniciativa conte cun comité especialista nese campo.

Após as críticas da oposición sobre a opacidade dos proxectos galegos que optan a fondos europeos, Santiago Lago dixo que se necesita "confidencialidade" ao competir con outros, pero defende que o Parlamento galego tamén "se involucre" e "teña opinión" mentres se respecte ese compromiso de confidencialidade. 

Esta postura tivo resposta por parte dos grupos da oposición. Desde o BNG, a deputada Noa Presas agradeceu a Lago que defendese o papel das forzas políticas respecto dos proxectos tractores, debido á "distorsión" existente entre o coñecemento que teñen a Xunta e a oposición. Apunta que hai unha "escala de grises" entre "sabelo todo e non saber nada".

Na mesma liña, o socialista Pablo Arangüena apunta a que "canta máis opacidade, menos transparencia, máis corrupción".

Un 2021 incerto

A intervención de Lago na comisión serviu tamén para debuxar o escenario ao que se enfronta o país nos próximos meses. Segundo o director do Foro Económico, "probabelmente" até o ano 2023 non se recuperará o nivel de crecemento do PIB de 2019.

Após un terceiro trimestre de "rebote" na economía galega, augura caídas do PIB de novo en novembro e decembro. Dos tres escenarios previstos para 2020 polo Foro, indica que se está no nivel intermedio entre os máis positivos e negativos, polo que o retroceso ao final de ano pode alcanzar o 12,5%. Se se chega de novo ao confinamento domiciliario rexistraríanse "cifras terríbeis".

Recoñece que existe unha "incerteza total" sobre o crecemento previsíbel do ano que vén. Considera que na Galiza se recuperará en 2021 "a metade ou pouco máis do que se perda este ano". "O que se nos vén enriba é dunha dimensión extraordinaria", avisa. Por iso, apela á "cooperación" ante un "desafío absolutamente monumental".

Porén, Lago cre que agora é o momento de ser "ambiciosos" e ver esta situación como unha "oportunidade" de facer cousas que se tiñan que facer "hai 25 anos", e afrontar reformas de futuro como enerxía verde, alimentos de calidade, circularidade ou ecoloxía. "Todo iso é o noso", afirma o economista.

A empresa no centro

Após a súa intervención chegou a quenda do ex presidente González Laxe, quen defendeu que a recuperación ten que basearse na empresa, "que é a que xera emprego", pero analizando antes polo miúdo súa realidade.  

Nesta liña, apuntou que só 0,1% do total teñen máis de 250 persoas no seu cadro de persoal, mentres que 94% ten menos de cinco integrantes "e con ese perfil é difícil innovar".

Laxe chamou a "aproveitar" os fondos europeos para adaptarse á nova realidade mudando o modelo produtivo da Galiza. "Non vale o que tiñamos de antes porque aínda presentamos certas deficiencias", dixo en alusión ao tamaño medio das firmas galegas, ao seu nivel tecnolóxico e de formación e ao patrón de especialización en industrias "maduras", no canto das emerxentes.

Cre que Galiza debe crear unha imaxe de marca propia e obrigar as empresas a ter laboratorios de I+D, incidindo na idea de que son elas as que nos poden sacar da crise que se aveciña.

Comentarios