O BNG pide para Galiza a xestión total dos fondos europeos de reconstrución

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, avoga por que Galiza xestione "a totalidade" dos fondos europeos de reconstrución "e non só 50%", tal e como anunciou o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez.
 

Para Miranda, a decisión supón un "grave problema de centralización" do reparto dos máis de 140.000 millóns de euros que lle corresponden ao Estado español, dos que 72.000 millóns correspóndense coas transferencias directas.

"Por que Galiza non pode xestionar a totalidade dos fondos que lle corresponden? Con só a xestión de 50%, perde boa parte da capacidade na toma de decisións sobre como impulsar a saída da crise", considera a portavoz nacionalista, quen reitera que "Galiza debe ter voz propia na negociación e na xestión dos fondos europeos para non quedar atrás na súa repartición", unha voz que, ao seu xuízo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo "non está a defender"

Ademais, o BNG en Europa teme que sexan as empresas do IBEX as que se beneficien maioritariamente dos fondos europeos fronte ás pequenas e medianas empresas, que son as que conforman boa parte do tecido económico galego.

Doutra banda, Miranda criticou "a falta de transparencia e o escurantismo" do Goberno galego na "suposta selección de proxectos que poidan optar aos fondos europeos". 

"A Xunta fala de 108 proxectos que poden mobilizar 9.400 millóns como candidatos aos fondos Next Generation, mais non sabemos en función de que criterios foron seleccionados nin se quedaron proxectos fóra", manifestou a portavoz nacionalista.

Comentarios