martes 27/10/20

O Eixo Atlántico afea á Xunta o seu "descoñecemento" da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal

O secretario xeral do Eixo, Vázquez Mao, lembra á conselleira Ethel Vázquez que a Eurorrexión "leva anos esquecida" por Gobernos, quer do PP quer do PSOE.

O río Miño marcando a fronteira (AECT).
O río Miño.

O secretario xeral de Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, expresou esta segunda feira a súa "sorpresa" e o seu "malestar" coas declaracións deste domingo da conselleira de Infraestruturas da Xunta, Ethel Vázquez, sobre o AVE entre Vigo e Porto. En concreto, aféalle o seu "descoñecemento da realidade" da Eurorrexión e das súas infraestruturas.

"Só se poden explicar desde unha estratexia de desviar a atención sobre a súa falta de xestión na Galiza", aseverou Vázquez Mao, en declaracións a Europa Press.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta lamentaba este domingo a "falta de compromiso" do Goberno estatal coa conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto, á vez que estimaba que non estará lista antes do 2030.

Ademais, criticaba que a cimeira hispano-lusa do sábado, que decorreu na Guarda, concluíu "sen unha atención ás infraestruturas necesarias" para a Eurorrexión.

Tras estas declaracións, o secretario xeral de Eixo Atlántico lembrou que se trata dun proxecto "enterrado desde hai anos" porque "un tren, cos tempos de aceleración e desaceleración dun AVE, nunca podería rendibilizar a súa velocidade máxima e os custos de explotación nunca o farían viábel".

Así mesmo, Vázquez Mao explicou a Europa Press que a Xunta "estivo presente" na última reunión que houbo en Bragança (Portugal) no ámbito da Eurorrexión a través dun representante que "non abriu a boca nin neste tema nin sobre outros".

O secretario xeral de Eixo Atlántico tamén cualificou como "sorprendente" a "locuacidade" da conselleira Ethel Vázquez nestes momentos "en comparación co silencio que mantivo mentres estivo o seu partido -o PP- no Goberno de España".

"Hai que lembrarlle que era a mesma situación que se produce agora co actual Goberno español con respecto á Eurorrexión. En política, non vale pasar da 'Procesión dos Caladiños' á 'Confraría do Santo Lamento' segundo quen goberne. A Eurorrexión leva anos esquecida por parte de todos os gobernos, populares e socialistas, exactamente igual que Galiza", resumiu Vázquez Mao.

Por todo iso, e porque a situación da conexión entre Vigo e Porto "non é distinta" da da AVE a Madrid, o secretario xeral de Eixo Atlántico cre "aconsellábel" que a Xunta dea "menos declaracións e máis traballo" e que "este tema sexa asumido directamente" polo presidente galego

comentarios