Galiza debería recibir 12.000 millóns dos fondos europeos

O Grupo parlamentar nacionalista presentou unha proposta non de lei para exixir unha distribución con criterios propios das achegas que virán de Europa. A iniciativa foi rexeitada cos votos do PP. No mesmo pleno acordouse por unanimidade pedir a modernización da liña Vigo-O Porto.
A deputada Noa Presas no debate sobre os fondos europeos (Nós Diario)
photo_camera A deputada Noa Presas no debate sobre os fondos europeos (Nós Diario)

O debate sobre o reparto dos fondos europeos para paliar a situación económica froito da pandemia da Covid-19 chegou ao Parlamento galego.

Unha proposición non de lei do BNG abriu un tema que centrará a axenda económica galega nos vindeiros días. A parlamentaria nacionalista Noa Presas cifrou hoxe en 12.600 millóns de euros a contía que lle corresponde a Galiza deses fondos incluíndo un "plus" pola diminución dos fondos tradicionais.

Reclamou, ademais, que no reparto prevalezan os criterios sobre "a realidade demográfica galega, o fechamento de dúas centrais térmicas ou o avellentamento da poboación". A parlamentaria do BNG  acusou o Partido Popular  de manter unha posición de "parálise, improvisación e escurantismo" e alertando de que "non poden ser unha cortada para a recentralización". 

Por parte do PSOE, o deputado Francisco Rivera recoñeceu a importancia destes fondos e, aínda que non compartiu a cifra proposta polo BNG, si apelou a que se priorice este tema trasladando os proxectos que se presenten ao Parlamento. “Ten dereito a coñecelos e a saber cal é o modelo e a estratexia da Xunta, que empresas públicas ou privadas promoven estes proxectos", sinalou. 

O deputado popular Miguel Tellado, malia asegurar que "coincidimos no fondo", desviou a argumentación cara ao terreo estatal asegurando que "non nos fiamos do Goberno socialista" para rematar dicindo que antes de falar de números "temos que asegurarnos de recibir os fondos".

Acordo para modernizar a liña Vigo-O Porto 

No mesmo pleno o BNG logrou o apoio unánime para incluír na axenda poscovid a modernización da liña ferroviaria Vigo-O Porto como proxecto prioritario para a Eurorrexión.

A proposta, defendida pola deputada nacionalista Alexandra Fernández, inclúe modernizar a liña ferroviaria, entendida como traxecto de medida distancia que dá continuidade ao eixo A Coruña-Vigo, redactar un estudo do conxunto da rede ferroviaria da área metropolitana de Vigo para a súa vertebración, impulsar o tramo Vigo-O Porto á rede do corredor ferroviario de Mercadorías, impulsar a aprobación do proxecto da saída sur de Vigo e buscar unha alternativa ao paso do tren polo centro do Porriño.

Comentarios