Máis de medio milleiro de negocios fecharon na Galiza durante a terceira vaga da pandemia

O comercio e a hostalaría de Lugo e de Ourense foron os máis afectados polas clausuras
O número de locais comercias baleiros continúa en aumento pola crise. (Foto: Europa Press)
photo_camera O número de locais comercias baleiros continúa en aumento pola crise. (Foto: Europa Press)

A terceira vaga da pandemia golpeou con especial dureza a actividade empresarial nas cidades e vilas galegas. Segundo os datos fornecidos pola Federación Galega de Industrias Inmobiliarias (Fgaim), desde o mes de novembro de 2020 até mediados de febreiro de 2021 fecharon arredor de 550 negocios na Galiza, o que significou unha alza de 8% en tan só tres meses. 

Estas cifras ofrecidas por Fgaim inciden nos números presentados por esta entidade no mes de xaneiro, onde certificou o cese da actividade de 3.400 locais da hostalaría en 2020, coas comarcas coruñesas liderando os fechamentos, con 1.450 estabelecementos afectados, seguidas das pontevedresas con 875, as ourensás con 560 e as luguesas con 510.

Os problemas de alugueiro

O groso dos fechamentos nesta terceira vaga da pandemia volveuse concentrar nas zonas urbanas. Así, dos 550 negocios que cesaron na súa actividade nos últimos tres meses, 365 estaban situados nas cidades, correspondéndose unha parte importante dos restantes con estabelecementos situados nas áreas metropolitanas. Contribuíron a estes datos a maior intensidade comercial das grandes urbes en detrimento doutras zonas do país cunha porcentaxe inferior de negocios, pero tamén as diferenzas na forma da propiedade. Precisamente, os peores números coincidiron con aquelas áreas onde os locais eran explotados maiormente en réxime de alugueiro e non de propiedade. 

Ourense liderou os fechamentos nestes últimos tres meses. Así, Fgaim certificou 150 fechamentos na cidade das Burgas, seguida da Coruña, Ferrol e Vigo con 50, Santiago con 25 e Pontevedra e Lugo con 20. Neste sentido a patronal das inmobiliarias cifra en 5.945 o número de baixos baleiros nas sete cidades, situándose á cabeza Vigo, con 1.600; A Coruña, con 1.450; Ourense, con 1.350; Santiago de Compostela, con 475 e Ferrol con 350.

Na mesma liña, a entidade sinala un aumento nos baixos non ocupados de 6,5%, destacando as baixas na caída do prezo do alugueiro para o conxunto da Galiza. A este respecto, Vigo, con 7,8 euros o metro cadrado, e A Coruña, con 7,5 euros o metro cadrado, teñen os arrendos máis caros.

Á diferenza das vagas anteriores, nesta ocasión foron as comarcas ourensás e as luguesas as máis afectadas. Segundo Fgaim, en decembro, xaneiro e febreiro aumentaron os locais baleiros nas áreas de Ourense en 11%, nas de Lugo en 10%, nas da Coruña en 6,5% e nas de Pontevedra en 4,4%. A isto, contribuíron de maneira decisiva os fechamentos perimetrais, moi particularmente naquelas cidades e vilas cabeceiras de comarca, cuxos negocios sufriron a perda dos clientes das localidades limítrofes. Neste caso, aquelas poboacións con maior número de habitantes e cuxos comercios ou locais hostaleiros presentan unha menor dependencia dos residentes nos concellos veciños aguantaron mellor o golpe.

O impacto dos fechamentos perimetrais

O impacto dos feches perimetrais na actividade foi denunciada por diversos comerciantes a Nós Diario. Así, o vicepresidente do Centro Comercial Aberto de Carballo, Germán Riveiro, sinala que “o último fechamento perimetral de xaneiro afectounos moito porque impediu que puidesen vir mercar as persoas dos concellos de arredor, como Ponteceso, A Laracha ou Coristanco”. Unha opinión semellante ofreceuna Cielo Fernández, propietaria dunha libraría e dunha tenda de xoguetes en Foz e Ribadeo, quen destacou “unha caída importante das vendas nos meses de xaneiro e de febreiro. A isto ten contribuído de modo decisivo os feches perimetrais, que en localidades como Ribadeo teñen un efecto demoledor”.

As consecuencias destas restricións deixáronse notar nas cidades. Así, Rosa Segade, xerente dun negocio na zona vella de Compostela, indicou a Nós Diario que “as restricións impiden que a xente dos concellos limítrofes poida vir comprar”. Neste sentido, desde o sector demandan medidas urxentes, advertindo o presidente da Federación Galega do Comercio, José María Seijas, que “entre o 20% e o 40%” dos comercios galegos se verán na obriga de fechar debido á crise económica desatada pola pandemia. “Agora mesmo hai un 20% de fechamentos de comercios e poden chegar a 40% a final de ano se non cambian as cousas”, engadiu a Nós Diario.

Comentarios