Esa é a principal conclusión do estudo encargado polo Agrupamento Europeo de Cooperación Territerial Río Miño (AECT Miño) ao doutor en Economía da Universidade de Vigo Xavier Covas, quen destacou que o prexuízo económico do actual fechamento será aínda moito maior que o anterior.
Xunto ao vicedirector e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, Cobas presentou esta sexta feira o estudo do impacto socioeconómico aos alcaldes e alcaldesas que conforman o AECT Miño, que levan reivindicando desde hai un mes que se abran todos os pasos fronteirizos con Portugal polo dano que produce na economía.
O informe achega datos sobre o sufrimento da economía nas dúas beiras do Miño, cun impacto na perda de facturación só no comercio e a hostalaría (os sectores máis afectados) de 92 millóns de euros –equivalente a 23 millóns de euros de Valor Engadido Bruto-, segundo os datos oficiais facilitados polos Gobernos estatais. Tamén se detectaron valores importantes de impacto no transporte e no sector inmobiliario, así como no ámbito fabril.
Segundo destacou o profesor Cobas, todos estes ámbitos sufriron, ademais da baixada de facturación pola pandemia, o efecto fronteira, aumentando as perdas nun 12% no comercio e nun 19% en hostalaría e restauración. Unhas caída que se engaden ao descenso de ingresos de calquera outro negocio noutra localización, simplemente polo feito de que as persoas consumidoras non podían acceder desde o outro lado da ‘raia’.
180.000 horas perdidas
Outra das cifras que puxo sobre a mesa o estudo foi o número de horas de traballo perdidas pola espera no paso de Tui-Valença. Atendendo a un tempo medio de agarda de 15 minutos na ida e outros 15 na volta (cifra moi conservadora por detectarse largas colas de horas diariamente), e sabendo que no primeiro fechamento pasaron polo control 356.000 persoas, a economía da zona perdeu 180.000 horas efectivas.
A estas, non estando contabilizadas, habería que sumar o tempo que as persoas traballadoras perderon tamén nos rodeos de centros de quilómetros por non estaren habilitados controis en todas as pontes.
O fechamento da fronteira deixou 25.000 persoas afectadas
O fechamento de fronteira, explicou Cobas, afectou segundo os seus cálculos, unhas 25.000 persoas en toda a eurorrexión de Galiza-Norte de Portugal. En canto á repercusión do último fechamento de fronteiras instaurado desde principios de ano, Cobas subliñou que afectará de maneira moito máis negativa a economía, posto que no primeiro confinamento a actividade económica estaba practicamente parada mentres que agora hai un maior índice de actividade.
Así mesmo, o profesor subliñou que o actual fechamento dos pasos “é redundante e inútil” porque as persoas que van pasar a fronteira son as mesmas, só as autorizadas.
Rexistro para indemnizacións
Ante os citados datos, o vicedirector do AECT Río Miño, Uxío Benítez, manifestou que as e os alcaldes dos 26 municipios do territorio miñoto van solicitar compensacións económicas polas decisión de fechar a fronteira dos Estados español e portugués. “O mal xa está feito abran agora os pasos ou dentro dun mes. Agora queremos que nos teña en conta e se nos compense polas perdas”, afirmou.
Subliñou que como primeira medida o AECT presentará alegacións ao programa operativo POCTEP 2021-2027 que está en fase de exposición pública e que, pese a ter como obxecto inxectar fondos nas fronteiras, “está deturpando os seus obxectivos destinando fondos a zonas non fronteirizas”. Solicitou, pois, que se garanta que os fondos se destinen ás zonas de raia e se creen partidas específicas para a zona do Miño.
Por outra parte, anunciou a creación dun rexistro de persoas afectadas polo fechamento da fronteira, que se xestionará a través do AECT e de todos os concellos implicados nunha oficina conxunta co fin de proceder á tramitación de posíbeis indemnizacións.
“Queremos poñerlle cara a esta situación, facer un cómputo, porque as persoas traballadoras transfronteirizas están a perder entre 200 e 300 euros só en combustíbel polos desprazamentos ao non ter todos os pasos da fronteira abertos”, explicou.
Así mesmo, presentarase unha moción nos 26 concellos para ter o referendo democrático e reivindicar ante todas as institucións tanto a apertura inmediata dos pasos como as compensacións económicas polo fechamento.
"É como se fechasen Rande para controlar a pandemia entre Pontevedra e Vigo"
Para exemplificar o problema da fronteira, Benítez fixo a comparación do fechamento dos pasos con Portugal cun posíbel fechamento da ponte de Rande para a economía galega. “O que estamos a vivir no Miño é como se para controlar a pandemia entre Pontevedra e Vigo fechasen a ponte de Rande e mandasen todas as persoas e mercadorías por Ponte Sampaio cun único control. Os que poden pasar, pasarán igual, pero sufrindo colas, rodeos e perdas de tempo”, destacou.