A desigualdade, en máximos históricos após subir 2,9 a consecuencia da pandemia

Máis dun terzo da poboación galega é pobre

A crise económica e social derivada da pandemia sabe de clases. Mentres as grandes fortunas ven aumentar o seu patrimonio e beneficios, a pobreza dispárase como consecuencia da perda de poder adquisitivo dos sectores máis desfavorecidos. As políticas públicas de xestión da crise teñen a resposta. 
Banco de alimentos de Vigo, onde o número de usuarios se disparou desde o comezo da pandemia. (Foto: Europa Press)
photo_camera Banco de alimentos de Vigo, onde o número de usuarios se disparou desde o comezo da pandemia. (Foto: Europa Press)

A pobreza aumentou na Galiza desde o comezo da pandemia en 8%. Segundo un estudo elaborado polos economistas da Universidade Complutense, Raquel Sebastián e Gabriel Rodríguez, e o profesor de Oxford Juan Cesar Palomino, e publicado no boletín de Esade baixo o título de Efectos de la Covid-19 sobre la desigualdad y la pobreza en España, con anterioridade á chegada do coronavirus, o 26,5% da poboación galega é pobre, porén en menos dun ano esta porcentaxe chega a 34,5%.

Os datos sobre pobreza confirman a tendencia á feminización e á xuvenilización da mesma, denunciada en diversos estudos. A este respecto, Xosé Cuns, nun traballo publicado en 2020, afirma que “nos últimos tres anos de notábel recuperación macroeconómica xeral, a taxa da pobreza na Galiza mantívose inmóbil”, e significa “como as mulleres en risco de pobreza e exclusión” superan en dous puntos os homes. Neste sentido, Sebastián, Rodríguez e Palomino sinalan que a desigualdade na Galiza da pandemia é sete puntos superior nas mulleres que nos homes.

"A perda salarial dos pobres é de 18,7%"

O crecemento da pobreza é consecuencia da perda de poder adquisitivo dos sectores sociais máis desfavorecidos. Así, Sebastián, Rodríguez e Palomino sinalan no seu traballo que na Galiza “a perda salarial dos pobres é de 18,7%” desde o comezo da pandemia, unha tendencia que se repite no conxunto do Estado e evidencia un impacto diferente da crise en función do nivel de renda. Neste sentido, os autores da investigación destacan que “os individuos que xa eran pobres antes da Covid-19 sofren as maiores perdas salariais”, e conclúen que “se agrava a situación de pobreza dos traballadores que xa eran pobres antes da pandemia”.

Os traballadores máis empobrecidos da Galiza superan en perda de poder adquisitivo durante a pandemia a moitos operarios doutras zonas de Europa. Así, para o caso do Estado español a caída do salario dos galegos está por riba de estremeños, andaluces, cataláns e leoneses, aragoneses, navarros, cántabros, rioxanos e murcianos. Se exceptuamos a anomalía vasca, só fican por riba da Galiza aqueles áreas do Estado cun amplo peso da na súa estrutura produtiva da actividade turística, onde o comportamento do sector xera distorsión nos números finais. 

O acontecido no último ano vén agudizar unha tendencia presente na sociedade galega na última década, onde a perda do poder adquisitivo dos traballadores e pensionistas ten alcanzado niveis descoñecidos na serie histórica. Segundo os datos fornecidos polo Instituto Galego de Estatística, os salarios van caer na Galiza de modo consecutivo entre 2009 e 2014 até sumar unha baixa de 11,3% e a súa alza a partir de 2015 vai ser moi inferior á da media estatal. Así desde 2015 até 2019 os salarios aumentan na Galiza en 15,6% , mentres no conxunto do Estado a alza é de 20,4, o que agudiza aínda máis a fenda salarial.

Aumento da desigualdade

O índice de Gini é o indicador de referencia para medir a desigualdade. Ideado polo estatístico italiano Corrado Gini, emprégase para determinar a desigualdade dos ingresos, mais pode servir para analizar calquera forma de distribución desigual no interior dunha sociedade. Así, o índice de Gini é un número entre 0 e 100, onde 0 correspóndese coa igualdade perfecta, con todas as persoas cos mesmos ingresos e 100 coa desigualdade máxima, onde unha persoa ten todos os ingresos e os demais ningún. 

A desigualdade medrou na Galiza no último ano en 2,9. Así, os datos estimados no seu estudo por Raquel Sebastián e Gabriel Rodríguez e Juan Cesar Palomino significan que con anterioridade ao comezo da pandemia o índice de Gini sitúase en 39,5, pasando na actualidade a 42,4. Segundo estes autores, o crecemento da desigualdade na Galiza é idéntico ao de Asturias e Estremadura e superior ao de Navarra, Madrid, A Rioxa, Castela e León, Canarias e Cantabria, colocándose o país moi por diante da media de toda a área norte peninsular.

O sucedido durante a pandemia vén agudizar unha realidade moi perceptíbel durante toda etapa de Feixoo á fronte do Goberno galego. A desigualdade na Galiza ten medrado notabelmente durante o período máis intenso da crise e cun ritmo inferior nos anos posteriores, porén a diferenza do acontecido en boa parte dos territorios do Estado, onde se observa unha redución da desigualdade a partir de 2014, o seu aumento non se vai deter no páis ao longo de toda esta etapa.
 

Comentarios