O comercio galego quere pór fin aos períodos de rebaixas durante todo o ano

A Federación Galega de Comercio cre que Galiza debería recuperar as competencias para determinar os períodos de rebaixas e regular tamén as promocións e descontos no sector.
As tendas xa anuncian as rebaixas. (Xoán Roberes)
photo_camera As tendas xa anuncian as rebaixas de inverno. (Foto: Xoán Roberes)

O Congreso das Deputadas debateu onte a proposta do Parlamento de Baleares para instar o Goberno español a transferir aos distintos territorios a capacidade de regulación dos períodos de rebaixas no comercio.

A iniciativa pretende devolverlles a súa capacidade para estabelecer períodos de rebaixas, dentro dos límites contemplados na regulación do comercio polo miúdo aprobada en 1996, que fixaba dúas tempadas anuais de rebaixas, unha no principio do ano e outra en torno ao período estival de vacacións, cunha duración mínima dunha semana e máxima de dous meses.

Deste modo, pretenden devolver o control a cada territorio e acabar coa liberalización aprobada polo Goberno de Mariano Raxoi en xullo de 2012, que, como explica a Nós Diario o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, "xera tal descontrol que na práctica agora as rebaixas comezan o 1 de xaneiro e rematan o 31 de decembro. Cada comerciante pode facer as rebaixas cando queira e sen ningún control".

Neste senso, o presidente dos comerciantes galegos vai máis alá e reclama que se regulen "non só as rebaixas, pois hai que regular tamén promocións e descontos para que todo isto estea controlado. De nada vale controlar a palabra rebaixas se o resto do ano podemos facer promocións, descontos, a semana dunha cousa, o Black Friday, o Cyber Monday...", denunciou.

Na súa opinión, a decisión do Goberno do PP de liberalizar estes períodos "foi desfavorábel para todos, porque as rebaixas están desvirtualizadas. Antes había colas en xaneiro e agora as únicas colas que se viron son as da pandemia pola regulación da capacidade", lamentou antes de apuntar que estas rebaixas "foron as peores en moitos anos". 

Estudo previo

José Antonio Seijas cre que, no caso de que a Galiza recupere a competencia, a determinación dos períodos de rebaixas e a regulación das promocións "debe ser froito dun estudo" no que se teñan en conta as particularidades de cada territorio.

Neste senso, lembra que as rebaixas afectan sobre todo ao téxtil e ao calzado, nos que inflúen tanto o clima como a afluencia da clientela, polo que as datas que hai estipuladas actualmente "non serían as idóneas". O que si ten claro é que se trata dun asunto ─fala de "rebaixas encubertas"─ que debe ser tratado "dunha forma máis ampla e fóra da potestade do Goberno estatal".

Os efectos da pandemia

Desta cuestión depende en parte a subsistencia dun sector que, como sinala, atravesa "unha situación moi mala". "Ten que haber axudas directas e carencia para créditos, prorrogar os ERTE... Buscar accións rápidas e eficaces, porque senón moitos comercios van desaparecer".

Segundo os datos que manexa a Federación, Galiza perdeu 20% dos seus comercios pola pandemia, mais "o problema vai comezar agora", alerta Seijas, quen anuncia que están a traballar coa Xunta para sacar un programa de bonos para incentivar o consumo "e poder botar unha man ao sector". Con todo, di que "as trazas non son boas" e, a pesar de todo, "vai haber un feche de comercios importante". 

Comentarios