Máis de 50 firmas do metal valoran fechar plantas pola suba do custo da enerxía

Asime pide unha reforma do mercado enerxético.
O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón (Pedro Davila / Europa Press).
photo_camera O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, esta cuarta feira (Pedro Davila / Europa Press).

Máis de medio cento de empresas do sector do metal na Galiza están a valorar fechar plantas ou eliminar quendas de traballo aducindo que viven unha "situación dramática" polo "incremento de até 300% do prezo da enerxía no último ano", o que afectaría a uns 1.200 empregos de forma directa.

Así o trasladou o secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), Enrique Mallón, que lamentou o "alto impacto" que está a ter a suba da electricidade para a industria e a "imprevisión" por non saber que prezo se pagará no futuro.

Nun encontro organizado por Asime para debater sobre os custos enerxéticos que "afogan" as firmas, Mallón afirmou que a situación é "peor da esperada", con decenas de empresas que se expoñen a parar parte ou toda a súa produción e mesmo fechar debido a "non poder soportar" o incremento do custo da luz, que "nalgúns casos alcanza 300%".

"Seguramente máis empresas estean a valorar esta medida e aínda non nolo comunicaron", augurou o directivo. "O peor de todo é a imprevisión, a falta de coñecemento sobre o que vai suceder mañá ou dentro dun mes".

"As empresas non coñecemos cales van ser os nosos custos enerxéticos e por tanto que alguén nos explique como se pode producir se non sabes cal vai ser o teu custo", criticou Mallón.

Por todo iso, o secretario xeral de Asime solicitou ao Goberno do Estado español e á Unión Europea (UE) que poñan mans no asunto e que leven a cabo unha reforma profunda do mercado enerxético e dean solucións e apoien a industria galega.

Mallón referiuse aos Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) do Vehículo Eléctrico e Conectado e do Naval. Sobre o primeiro, indicou que os 15 millóns que recibirá Stellantis Vigo "non son gran cousa", referíndose a que outras autonomías obtiveron moitas máis axudas.

En canto ao Perte do Naval, indicou que os prazos son "xustos", mais subliñou que na Galiza se traballa en varios proxectos que aspirarán a ser perceptores dos fondos da Unión Europea.

Comentarios