O BNG reclama nacionalizar as grandes eléctricas: "A enerxía é un ben esencial e debe ser público"

Néstor Rego critica tamén no Congreso o aumento do gasto militar e insta o Goberno español a "renunciar a alentar a escalada belicista" en Ucraína.
Néstor Rego no Congreso. (Foto: BNG)
photo_camera Néstor Rego, esta quinta feira, no Congreso. (Foto: BNG)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demandou esta quinta feira ao Goberno español reformas estruturais "imprescindíbeis" como a nacionalización das grandes eléctricas, e defendeu a creación dunha empresa pública galega de enerxía e unha tarifa propia como país produtor excedentario. "A enerxía é un ben esencial e debe estar baixo control público", subliñou.

No pleno do Congreso, Rego sinalou a necesidade de aumentar as políticas sociais, no canto do gasto militar, para paliar as consecuencias da crise xerada pola escalada de prezos.

"Dicían que non era posíbel un imposto ás enerxéticas, á banca e ás grandes fortunas, tal e como defendía o BNG, até que o foi, aínda que sexan aplicados de maneira parcial e temporal", dixo Néstor Rego, que insistiu na necesidade de que esta medida sexa permanente.

O deputado nacionalista recriminou que o Goberno estea a vender o tope do prezo do gas no mercado grosista como un éxito, obviando que "ese tope acábano pagando os consumidores, pois está a ser repercutido na factura eléctrica", o que considera "un engano".

Pola contra, o deputado do BNG defende "algo tan elemental e eficaz como estabelecer un tope aos combustíbeis e á electricidade aos consumidores finais á conta dos beneficios escandalosos das grandes enerxéticas". Para a organización nacionalista, aliás, son urxentes outras medidas de carácter social como a suba do salario mínimo interprofesional (SMI) conforme á inflación e as pensións mínimas.

Aumento do gasto militar

Por outra parte, Rego foi especialmente crítico co gasto militar. "O BNG ten claro que é prioritario reforzar as políticas sociais no canto de incrementar o gasto militar", dixo, cuestionando que, "nun contexto de extremas dificultades económicas, destinen máis de 27.000 millóns de euros" a este fin.

"Renuncien a alentar a escalada belicista dunha Unión Europea cada vez máis subordinada aos Estados Unidos e a unha OTAN que irresponsabelmente anuncia manobras con armamento nuclear e aposten pola vía diplomática, o diálogo e a negociación para pór fin á guerra cando antes", reclamou o deputado do BNG.

Comentarios