A factura da luz encareceu 44% respecto ao ano 2021 e 102% en relación a 2020

A OCU denuncia a penalización da clientela do mercado eléctrico libre.
O prezo medio da factura da luz para un fogar estándar no que vai de de 2022 é de 114,13 euros, sendo até agora o ano máis caro da historia. (Infografía: OCU / Nós Diario)
photo_camera O prezo medio da factura da luz para un fogar estándar no que vai de de 2022 é de 114,13 euros, sendo até agora o ano máis caro da historia. (Infografía: OCU / Nós Diario)

A factura dun fogar medio con tarifa PVPC —o chamado Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor, a tarifa de luz que pertence ao mercado regulado da electricidade— no mercado ibérico deu unha lixeira tregua durante este mes de setembro ao baixar a 110,55 euros, fronte aos 130,99 euros do mes de agosto (a segunda factura máis cara da historia), segundo reflicten os datos fornecidos pola Organización de Consumidores e Usuarios (OCU).

Porén, ao comparar a cifra do último mes coa factura de setembro de 2020, dous anos antes, esta experimentou un incremento de 87,5%, pasando de 58,97 euros a 110,55. Se a relación se estabelece con respecto ao mes de setembro de 2021, a suba é de 26,5%, pasando dunha factura media de 87,40 euros a unha de 110,55 no último mes.

A pesar dos fortes incrementos na factura que paga o fogar medio, segundo estimacións da OCU, "se non se estivese aplicando a medida de limitar o prezo do gas para a xeración eléctrica a través da coñecida como 'excepción ibérica', a factura media en setembro tería sido de 127,17 euros", polo que o aforro desta medida foi no último mes de 16,62 euros para un fogar medio con tarifa PVPC, unha rebaixa de 13%.

"Se temos en conta o importe co que deben ser compensadas as plantas que xeran electricidade con gas, pódese estimar que a medida, incluíndo o seu custo, si conseguiu limitar o prezo da electricidade no mercado almacenista, mais a un custo moi superior ao previsto, polo que non só non hai aforro visíbel, senón que a factura finalmente volveuse encarecer", explica a OCU.

As persoas usuarias soportan o custo de implementar a limitación do prezo do gas para a xeración eléctrica. Porén, esta situación é moi diferente entre as persoas adheridas ao mercado regulado (PVPC) e as que teñen contratos no mercado libre.

Para as persoas con tarifa regulada, o prezo que facilita Rede Eléctrica integra o novo custo. É dicir, benefícianse do potencial aforro derivado da medida mais ao mesmo tempo sofren a derivación de parte do sobrecusto da súa aplicación. Por contra, isto cambia no mercado libre, onde as persoas usuarias que asinasen o seu contrato (ou a súa renovación) antes do 13 de maio de 2022, o día que se deu a coñecer o estabelecemento da limitación do gas para a xeración eléctrica, quedaron exentas de contribuír ao pagamento da mesma.

Porén, nos contratos asinados a partir do 13 de maio, a distribuidora non pode evitar que esa enerxía teña que contribuír co custo da medida e, en consecuencia, estanllo trasladando  ás persoas usuarias, "en moitas ocasións sen que se lles informe diso", denuncia a OCU. Desta forma, "as primeiras facturas con presenza desta recarga -no mercado libre- chegaron a algunhas persoas consumidoras e o seu elevado custo está a disparar a factura de clientes que crían que contaban cun bo prezo", sinala a organización.

"A medida do tope de gas frea o incremento de prezos almacenistas, mais aínda a un custo moi elevado que impide unha rebaixa máis efectiva da factura. Por outra parte, as persoas consumidoras do mercado libre vense penalizadas por esta medida, sobre a que non foron ben informadas", conclúe a OCU.

O custo eléctrico do fogar medio supera o limiar de 100 euros

A factura media da luz dun fogar estándar adherido ao mercado regulado (PVPC) no que vai de ano 2022 foi de 114,13 euros, o prezo máis caro da historia, superando o limiar dos 100 euros por primeira vez, á espera da evolución nos meses que restan. Así, a suba do prezo medio da factura da luz é de 44,3% con respecto a 2021 (cando o prezo medio foi de 79,11 euros) e de 102,8% con respecto a 2020 (cun prezo medio de 56,28 euros).

Comentarios