Pontón reclama colaboración para que Stellantis participe do Perte

A líder visitou a planta de Stellantis en Vigo, desde onde trasladou o apoio do BNG ao sector da automoción.
Ana Pontón, durante a visita á factoría de Stellantis. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, durante a visita á factoría de Stellantis. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou esta quinta feira a planta viguesa de Stellantis. Alí, demandou ao Executivo do Estado español, á Xunta da Galiza e á propia multinacional que estabelezan colaboración e compromiso para que a Galiza non quede excluída do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) na automoción, o denominado polo Ministerio de Industria Perte do vehículo eléctrico e conectado, dotado con 12.000 millóns de euros con cargo aos fondos Next Generation.

“Até o momento a planta automobilista da Galiza, unha das máis produtivas de Europa, está excluída, e desde o BNG pensamos que debe ter un apoio claro nun momento no que se están producindo grandes transformacións no sector”, indicou, en relación ao proceso de transición enerxética cara á descarbonización definido pola Unión Europea, que fixa en 2035 a data a partir da cal só se poderán fabricar coches eléctricos.

“Preocúpanos que o Perte da automoción deixe fóra a unha empresa tan importante para o noso país como Stellantis e, por iso, pedimos colaboración entre o Executivo estatal e a Xunta para garantir o acceso a eses fondos, porque o único que temos son boas palabras, mais iso non chega para evitar que a Galiza quede discriminada nun dos Pertes máis importantes que ten en marcha o Estado”, argumentou a líder do BNG.

Para evitar esa discriminación, a líder nacionalista tamén considera importante que a propia Stellantis “faga unha aposta estratéxica” pola Galiza, “porque se vai decidir como se redefinen as plantas de compoñentes e consideramos importante que o noso país este aí e que exista un compromiso da empresa".

"É evidente que, neste proceso de transformación cara ao coche eléctrico, todas as fábricas de compoñentes van ter un papel chave é debe haber un compromiso claro de Stellantis”, reiterou Pontón.

Pontón trasladou o apoio do BNG ao sector da automoción, “estratéxico” para o país e "chave desde o punto de vista económico e industrial”, porque xera máis de 23.000 postos de traballo directos. 

O sector, dixo a portavoz dos nacionalistas, está en plena transformación, o que provoca incertezas, mais tamén oportunidades. "Estamos convencidas do potencial do sector e, por tanto, hai que afrontar con decisión estas transformacións”, aseverou.

"Crecemento económico xusto"

Así mesmo, Pontón referiuse ás condicións laborais no sector, afirmando que “a chegada de fondos públicos ten que servir para darlle músculo, mais tamén ten que repercutir na creación de emprego en condicións de traballo dignas”.

Neste sentido, explicou a portavoz nacionalista, o BNG considera que a precarización laboral “é un modelo fracasado”, polo contrario, “se queremos fortalecer a sociedade, se queremos fortalecer un crecemento económico xusto e que a transformación que está en marcha no sector da automoción non implique un menoscabo en termos de emprego, debe haber un compromiso de todas as partes de que se avanzará cara á mellora das condicións laborais e cara á creación de emprego”, concluíu.

Comentarios