O naval galego perdeu máis de 20% do emprego desde o inicio da pandemia

A industria naval perdeu 2.000 empregos na Galiza e reduciu nun terzo a súa facturación, con 380 millóns menos.
A Galiza pasou de contar con máis de 10.000 persoas empregadas no sector en 2019 ás pouco máis de 8.000 no ano 2021 (Foto: M.Madriñán)
photo_camera A Galiza pasou de contar con máis de 10.000 persoas empregadas no sector en 2019 ás pouco máis de 8.000 no ano 2021 (Foto: M.Madriñán)

A cidade de Vigo acollerá mañá unha manifestación en defensa do sector naval que, segundo valoran desde a organización convocante, a Confederación Intersindical Galega (CIG), "leva anos esmorecendo e camiñando cara á irrelevancia industrial".

Os tres principais estaleiros privados da ría de Vigo ─Barreras, Metalships e San Enrique (antiga Vulcano)─ están practicamente sen carga de traballo, o que tamén afecta as auxiliares, e as condicións laborais no sector son "cada vez de maior precariedade", lamentan desde a CIG.

En 2021, segundo os datos da patronal Asime, o naval galego perdeu 1% dos empregos (traballan 8.037 persoas) e aumentou 3% a súa facturación, até os 801 millóns de euros. Porén os estaleiros perderon a primeira posición a nivel estatal ao reducir a súa carteira de pedidos a 14 unidades, con sete novos contratos asinados, o que evidencia que o sector "está a perder capacidade de forma preocupante", alertan desde Asime.

No período 2019-2021, perdéronse máis de dous mil postos de traballo no sector na Galiza, xa que antes desa data superábase a barreira dos 10.000 empregos. En 2019 a caída foi de 20,8% e de 6% en 2020. No que atinxe á facturación, pasouse dos 1.180 millóns de 2019 aos 801 de 2021 (-32%). 

"O sector enfróntase a retos moi importantes ligados á transición enerxética e á competitividade industrial, no que vai xogar un papel esencial a capacidade produtiva da nosa industria en áreas como a construción e reparación naval, a eólica mariña ou a innovación en buques. É importante que recuperemos esa capacidade naval, que se viu fortemente diminuída nos últimos anos", reivindica o seu secretario xeral de Asime, Enrique Mallón.

Entre as receitas para dar a volta a esta delicada situación, segundo a patronal, estaría recuperar a actividade de construción naval nos estaleiros privados de Vigo e apostar de forma decidida polos compoñentes para a eólica mariña.

Cambios para a esperanza

O pasado mes de abril, o estaleiro público de Navantia Ferrol acollía o acto de corte de chapa que daba inicio á construción da primeira das fragatas do programa F-110 da Armada española.

Porén, o presidente do comité do estaleiro público, Emilio García Juanatey (CCOO), asegurou que este contrato só lles garante "50% da carga de traballo" dos últimos trinta anos nun contexto no que se necesita "outro tanto para poder manter a industria auxiliar que temos".

Nesta mesma liña, o secretario de política sindical de FICA-UXT, Felipe López, indica a Nós Diario que a falla de carga de traballo nos estaleiros públicos nos últimos anos (desde a marcha do último buque para a Armada australiana) supuxo a destrución de 90% do emprego, "fundamentalmente o asociado ás empresas auxiliares".   

No sector privado, denuncia que a venda de Barreras a Armón só garante a continuidade de 20 empregos dos máis de cen que había no estaleiro, o que afonda na destrución de postos de traballo no sector. 

Ante esta situación, López avoga por usar os fondos estatais para o naval para crear emprego nas auxiliares, as máis castigadas pola situación da industria naval, "con máis I+D+i e novos proxectos de alto valor engadido".

Comentarios