A maior inflación no Estado desde 1984 segue a ser superada polas cifras galegas

A economía española sofre unha suba de prezos de 10,8% en xullo.
O Índice de Prezos do Consumo (IPC) experimentou unha suba interanual de 11,1% na Galiza no pasado mes de xuño. (Foto: Europa Press)
photo_camera O Índice de Prezos do Consumo (IPC) experimentou unha suba interanual de 11,1% na Galiza no pasado mes de xuño. (Foto: Europa Press)

A inflación interanual aumentou en xullo 10,8% no conxunto do Estado español en relación ao mesmo mes do ano pasado, superando o 10,2% que se rexistrou en xuño. O deste mes é o nivel máis alto desde setembro de 1984, segundo os datos avanzados na sexta feira polo Instituto Estatal de Estatística (INE).

Aínda así, este récord na economía do Estado español fica por baixo do último dato coñecido para a Galiza, o do mes de xuño -a inflación galega de xullo tardará dúas semanas en coñecerse-, cando a inflación no país alcanzou 11,1%, tamén a maior taxa desde setembro de 1984.

A previsión, de continuarse a tendencia dos últimos meses, é que a Galiza continúe tendo cifras máis altas de inflación interanual non só que o conxunto do Estado español, senón que o da área occidental da zona euro e da Unión Europea (UE). 

De feito, neste mes de xullo, a zona euro alcanzou o seu récord de inflación interanual da serie histórica, de 8,9%, ficando máis de dous puntos por baixo da taxa que alcanzou a Galiza en xuño.

A escalada dos prezos da zona euro intensificouse no sétimo mes de 2022, a pesar de que a suba interanual do prezo da enerxía desacelerouse a 39,7% con respecto á cifra de 42% de xuño, mentres que o incremento do prezo dos alimentos frescos en xullo foi de 11%, cando en xuño foi de 11,2%.

O dato de xullo coñecido para o Estado español, que deberá ser confirmado por Estatística a mediados do mes que vén, supera o pico alcanzado o pasado mes de xuño, cando o Índice de Prezos do Consumo (IPC) ficou en 10,2%, o maior valor desde 1985.

Segundo o INE, a escalada do IPC interanual no Estado até 10,8% débese, principalmente, á suba dos prezos dos alimentos e bebidas non alcólicas e da electricidade —que rexistrara unha baixada en xullo de 2021— e ao comportamento da vestimenta e calzado, cuxos prezos baixan menos que o ano pasado. Estatística destaca tamén, aínda que en sentido contrario, o descenso dos prezos dos carburantes neste mes de xullo no contexto estatal.

O INE tamén incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos—, que aumentou en xullo seis décimas, até 6,1%, o seu valor máis alto desde xaneiro de 1993. En comparación cos datos da zona euro, onde a inflación subxacente se situou en 4%, o Estado español alcanza en xullo unha taxa máis de dous puntos por riba. 

Deste modo, a inflación interanual subxacente do Estado sitúase 4,7 puntos por baixo da taxa do IPC xeral. No sétimo mes de 2022, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCH) situou a súa taxa interanual en 10,8%, oito décimas superior á rexistrada o mes anterior. Pola súa parte, a variación mensual estimada do IPCH rexistra unha caída de medio punto.

O Ministerio de Asuntos Económicos apunta que a inflación é un fenómeno global e unha das principais consecuencias das tensións xeopolíticas, que están a producir un incremento continuado dos prezos da enerxía, especialmente do gas, e tamén dos alimentos. O presidente do Executivo español, Pedro Sánchez, recoñeceu esta sexta feira o "mal dato" do IPC de xullo e asegurou que a inflación "é a principal tarefa que ten por diante o Goberno".

A inflación galega continúa á cabeza da Europa Occidental

Os datos da inflación da zona euro coñecidos para xullo seguen a situar Galiza á cabeza das taxas de inflación na parte occidental desta área. Así, segundo as cifras coñecidas esta sexta feira para o sétimo mes do ano, os Estados que superan os últimos datos de inflación interanual coñecidos para a Galiza, os correspondentes ao mes de xuño, son Estonia (22,7%), Letonia (21%), Lituania (20,8%), Eslovaquia (12,8%); Eslovenia (11,7%); Países Baixos (11,6%) e Grecia (11,5%).

Desta forma, a Galiza, que no mes de xuño experimentou unha inflación interanual de 11,1%, tan só se sitúa, dentro dos Estados máis occidentais da zona euro, por baixo das cifras de suba de prezos dos Países Baixos. Todo isto á espera de que se coñezan as cifras de inflación na Galiza para o mes de xullo, despois dunha tendencia alcista nos últimos meses. 

Comentarios