Vivir na Galiza sae caro: a suba dos prezos encadea case un ano e medio superando a do conxunto do Estado

As estatísticas publicadas esta cuarta feira polo Instituto Estatal de Estatística (INE) con respecto ao índice de prezos de consumo (IPC) veñen de corroborar as previsións adiantadas esta semana por Nós Diario. Así, a inflación aumentou 11,1% na Galiza en xuño en comparación co mesmo mes de 2021, situándose no nivel máis alto da parte occidental da zona euro. O dato é, ademais, o máis alto da serie histórica galega desde 1984.
Evolución da variación porcentual do Índice de Prezos de Consumo (IPC) interanual da Galiza entre maio de 2019 e xuño de 2022. (Gráfica: Nós Diario / INE)
photo_camera Evolución da variación porcentual do Índice de Prezos de Consumo (IPC) interanual da Galiza entre maio de 2019 e xuño de 2022. (Gráfica: Nós Diario / INE)

O IPC aumentou 11,1% na Galiza en xuño, tomando como referencia o mesmo mes do ano pasado, segundo certifican os datos que publicou esta cuarta feira o INE. Deste modo, continúa a escalada de prezos, xa que crece perto de dous puntos fronte á porcentaxe de 9,6% que se rexistraba en maio. De feito, a Galiza rexistra a súa maior inflación desde setembro de 1984 (11,5% naquel entón).

O dato galego de 11,1% é case un punto superior que o rexistrado no conxunto do Estado español, de 10,2%, o seu nivel máis alto desde abril de 1985. Un incremento de prezos en xuño que se debe, principalmente, ás subas dos prezos dos carburantes, dos combustíbeis para calefacción, da electricidade, da restauración e dos hoteis, e dos alimentos.

En comparación cos diferentes territorios do Estado español, a Galiza atópase á cabeza da suba nos prezos, tan só superada por Castela A Mancha (12,7%) e Castela e León (11,6%). De feito, o diferencial inflacionista con respecto ao Estado español indica que a Galiza leva un ano e medio, desde febreiro de 2021, experimentando subas de prezo superiores ás da media estatal. 

Por outra parte, se a comparativa se fai cos niveis de inflación da zona euro, a Galiza tamén se atopa por riba da media (8,6%) e no nivel máis alto da zona occidental deste área e sendo só superada na UE por Estonia (21,9%), Lituania (20,5%), Letonia (19,3%), Eslovaquia (12,6%) e Grecia (12,1%). Pola súa parte, Canarias é o único territorio do Estado que rexistrou unha suba de prezos inferior á da zona euro (8,5%). 

Por grupos de bens, o que máis crece na Galiza con respecto a xuño de 2021, segundo os datos do INE, é vivenda (23,8%), seguida por transporte (19,5%) e alimentos e bebidas non alcohólicas (12,6%). Só descende o prezo das comunicacións (-0,3%).

Na media do que vai de ano, é dicir, entre xaneiro e xuño de 2022, o aumento do índice xeral é de 6,9%, con transporte en cabeza do ascenso, con 15,9%. Por outro lado, na comparativa entre xuño e maio de 2022, a maior suba tamén é a de transporte, de 5%, seguido da de vivenda, de 4,2%.

Pagar luz, gas e auga é 42% máis caro

Segundo as estatísticas aportadas polo Instituto Galego de Estatística (IGE) as subministracións básicas domésticas foron o campo que máis encareceu na Galiza durante os últimos 12 meses. 

Deste modo, a factura da luz, do gas e da auga custa hoxe case 42% máis do que en xuño de 2021, unha suba que se atopa sete puntos por riba da media do incremento destas subministracións no conxunto do Estado español.

Após das subministracións domésticas, os produtos que tiveron unha maior suba na Galiza foron os aceites (32,5%), os ovos (31,4%) e o leite (20,3%). Con respecto aos alimentos, aínda que con variacións, a suba de valor é xeral en todos os produtos. 

O transporte de persoal, que reflicte o incremento do prezo dos combustíbeis, marcou un ascenso interanual de 19,8%. Os aloxamentos turísticos experimentaron un incremento dos prezos de 20%. Pola súa parte, a hostalaría, tanto bares como restaurantes, subiu de media os seus prezos en 9%. 

No caso dos móbeis, a suba de prezo foi de 9%. A vestimenta tamén tivo un incremento, neste caso, máis en moda masculina (6,1%) que en feminina (3,6%). A roupa para crianzas é un dos poucos produtos que baixou o seu prezo (-0,4%), xunto co transporte público urbano (-3,5%) e os servizos de comunicación (-0,3%).

A inflación subxacente máis alta desde 1993

A inflación subxacente no conxunto do Estado español, aquela que se calcula obviando os cambios no prezo dos alimentos non elaborados e dos produtos enerxéticos, aumentou en xuño seis décimas, até 5,5%, o seu valor máis alto desde agosto do ano 1993.

Os beneficios das empresas están detrás da crise inflacionista

Boa parte da crise inflacionista ten como motivación principal que "os beneficios empresariais impulsan a escalada de prezos", sinala a análise publicada pola central sindical CCOO sobre a inflación no primeiro trimestre de 2022.

Os beneficios empresariais "foron responsábeis de 106,3% do aumento dos prezos" no cuarto trimestre do ano pasado, e no primeiro trimestre deste ano, "foron responsábeis de 83,4% da suba de prezos", analiza o informe. 

"Este é un fenómeno que se está dando en todos os países occidentais polo elevado poder alcanzado polas grandes corporacións",  mais que no Estado español "é máis intenso que en Europa", afirma.

Os prezos creceron 10,2% no mes de xuño no Estado español, e a inflación estrutural 5,5%, "revelando un forte efecto de segunda rolda con orixe nos beneficios empresariais, mentres que os salarios practicamente non crecen, 1,33% (media do 2,42% para 5,8 millóns de traballadores e traballadoras que xa teñen asinado un convenio, e de 0% para os 4,8 millóns que aínda non o subscribiron)", describe o documento.

Sectores cun maior incremento de beneficios

Entre as actividades empresariais onde as marxes de beneficio se sitúan por riba do seu nivel previo á pandemia e onde máis se incrementaron no último ano destacan o sector enerxético (60,4% fronte a 46,5% na zona euro), o financeiro (25,7% fronte a -0,6% da área do euro) e o manufactureiro (7,4% fronte a 1,3% da eurozona).

O rechamante dato do sector financeiro do Estado español, que ten maiores marxes de beneficio que o da zona euro desde 2016, débese ao fechamento de sucursais, aos recortes nos cadros de persoal e á suba de comisións, conclúe a análise da central sindical.

Comentarios