O euro cae e alcanza a paridade co dólar estadounidense por primeira vez desde a súa creación

Se esta paridade se mantén durante as vindeiras semanas, podería agravar a crise de prezos na Unión Europea (UE).
Moedas e billetes en euros. (Foto: Europa Press)
photo_camera Moedas e billetes en euros. (Foto: Europa Press)

Finalmente, a desvalorización constante do euro fronte ao dólar estadounidense (USD) que se vén a dar de maneira progresiva nas últimas semanas, polo impacto da situación bélica en Ucraína e a crise de inflación, tivo como consecuencia que a moeda común da Unión Europea (UE) alcanzase a paridade na mañá desta terza feira.

Así, agora mesmo 1 euro vale o mesmo que 1 USD, algo que non ocorrerá desde hai máis de vinte anos, cando a creación da divisa común para os Estados membros da eurozona.

 Na xornada de onte, o euro e o USD xa estiveron a piques de alcanzar a paridade. Ás 15 horas desta segunda feira volveuse estabelecer un novo mínimo histórico no valor comparado entre ambas moeda, cando 1 USD valía 1,0055 euros.

Porén, esta desvalorización podería non quedar aquí. Un equipo de economistas do Scotiabank apuntan que esta perda de valor podería prolongar a súa caída até 0.95, para despois estabilizarse nesa marca.

Consecuencias da paridade

Unha das principais consecuencias da paridade entre o euro e o USD é que favorecerá que nas vindeiras semanas a inflación nos mercados europeos siga á alza, o que podería rematar por provocar un novo proceso de recesión económica.

O feito de que os principais recursos precisos para producir enerxía, como o petróleo e o gas, teñan que ser pagados en dólares estadounidenses fai que a factura pagada pola Unión Europea sexa moito máis alta agora que ambas moedas valen o mesmo.

Un dos aspectos "positivos" da desvalorización do euro, segundo os economistas do Banco Central Europeo (BCE) é que esta favorece a exportación de produtos europeos. Neste caso, favorece o mercado cos Estados Unidos (EUA) xa que aos seus habitantes e empresas resúltalles máis barato comprar agora na UE que hai xusto un ano.

Porén, ese mercado máis beneficioso é unidireccional, xa que os habitantes europeos teñen que asumir un maior investimento para importar produtos dos EUA ou para viaxar até o país norteamericano. 

Comentarios