A inflación na Galiza supera a media rexistrada nos Estados da zona euro

Mentres a zona do euro marcou en xuño a maior suba da inflación en toda a serie histórica, o Estado español experimentou un incremento dos prezos por encima do da área que opera con esta moeda. As previsións sinalan que o dato da Galiza, que se coñecerá nos próximos días, será peor e que a inflación galega será unha das máis altas da contorna, tan só superada pola dos países bálticos, Eslovaquia e Grecia.
A suba dos custes da enerxía é o principal factor que está a disparar a inflación en 2022. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera A suba dos custes da enerxía é o principal factor que está a disparar a inflación en 2022. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A inflación da zona euro aumentou até 8.6% en xuño deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior, segundo os datos publicados por Eurostat. A porcentaxe contemplada por Eurostat é a máis elevada desde 1997, e representa medio punto porcentual por encima do nivel do mes de maio, que foi de 8.1%.

De acordo co portal estatístico, os principais compoñentes da inflación da zona do euro en xuño foron a enerxía, coa taxa anual máis alta (41.9%, fronte a 39.1% de maio), e os alimentos, o alcol e o tabaco (8.9%, fronte a 7.5% do mes anterior). Os datos amosaron que os bens industriais non enerxéticos aumentaron en 4,3%, fronte a 4,2% de maio, e os servizos en 3,4%, fronte a 3.5% rexistrado en maio.

O dato da inflación para o Estado español en xuño foi de 10,2%, polo que superou amplamente o incremento de prezos experimentado no conxunto da zona euro, no que supón o dato máis alto para este Estado desde 1985.

O Estado español foi así, o sexto da zona euro no que se experimentou unha maior variación mensual da inflación en xuño, con 1,8%, por detrás de Estonia (2,8%), Grecia (2,5%), Eslovenia (2,3%), Letonia (2,2%) e Lituania (2,2%). Pola súa parte, tan só Alemaña e Países Baixos tiveron unha variación á baixa, ambos os Estados con -0,1%.

Á espera de que se coñeza nos próximos días o dato da inflación da Galiza en xuño, a serie fai presaxiar que o dato galego será aínda maior que a media do Estado español. O último dato coñecido para a Galiza corresponde ao mes de maio, cunha taxa de IPC de 9,6%, mentres que a do Estado español aquel mes foi de 8,7%.

A Galiza colocarase, previsibelmente, á cabeza da suba dos prezos na parte máis occidental da zona euro en xuño, e estaría tan só superada por Estonia (21,9%), Lituania (20,5%), Letonia (19,3%), Eslovaquia (12,6%) e Grecia (12,1%).

Coa previsión de que o dato galego sexa aínda maior, a alza do custo de vida no Estado español no mes de xuño é superior á que experimentaron outros Estados da súa contorna como Francia con 5,8%, Alemaña con 7,6%, Italia con 8% ou Portugal con 8,7%.

A guerra non é o único motivo da inflación

En febreiro, a inflación subxacente da zona euro xa estaba en 2,9%, sen o impacto da invasión rusa de Ucraína nin das sancións contra Rusia nos prezos enerxéticos. Ao excluír do cálculo o impacto da enerxía, a taxa de inflación interanual da zona euro situouse en xuño en 5%, fronte a 4,6% no mes anterior, mentres que ao deixar fóra tamén o efecto dos prezos dos alimentos frescos, o alcol e o tabaco, a taxa de inflación subxacente situouse en 3,7%, unha décima por baixo da marca de maio.

O Consello de Goberno do Banco Central Europeo (BCE) anunciou o pasado 9 de xuño que subirá os tipos de xuro en 25 puntos básicos durante este mes, a primeira suba desde 2011, ademais de adiantar a súa intención de volver elevar a taxa en setembro, cunha intensidade que mesmo podería ser maior se as perspectivas de inflación seguen por encima do obxectivo de 2% da institución.

O BCE non cre que a inflación vaia remitir

Ante os datos de xuño, a presidenta do Banco Central Europeo (BCE), Christine Lagarde, recoñeceu que resulta pouco probábel que a economía regrese a unha contorna de baixa inflación, o que obrigará aos bancos centrais a adaptarse tras unha década de "heroica loita" contra o proceso contrario, as baixadas dos prezos.  

Lagarde asegurou que o BCE chegará "tan lonxe como sexa necesario" para garantir que a inflación se estabilice no obxectivo de 2% e defendeu que contar cunha ferramenta específica para combater a fragmentación financeira da zona euro permitirá á institución aumentar os tipos de xuro "tanto como sexa necesario".

Comentarios