Lagarde ratifica que o BCE seguirá subindo os tipos de xuro

A presidenta do Banco Central Europeo (BCE), Christine Lagarde, considera que non hai probas claras de que a taxa subxacente tocase teito.
A presidenta do Banco Central Europeo (BCE), Christine Lagarde (Foto: Arne Dedert / DPA).
photo_camera A presidenta do Banco Central Europeo (BCE), Christine Lagarde (Foto: Arne Dedert / DPA).

A presidenta do Banco Central Europeo (BCE), Christine Lagarde, asegurou esta quinta feira que a institución monetaria seguirá subindo os tipos de xuro para devolver a inflación á meta de 2% ao considerar que non hai probas claras de que a taxa subxacente tocase teito, aínda que recoñeceu a importancia de "avaliar coidadosamente" a forza de transmisión da política monetaria ás condicións financeiras e á economía.

"Non hai probas claras de que a inflación subxacente tocase teito", advertiu a francesa nunha conferencia en Frankfurt, despois de que Eurostat anunciase que a inflación da eurozona se moderou en maio a 6,1% desde a taxa de 7%, en mínimos de febreiro de 2022, mentres que a taxa subxacente freou por segundo mes consecutivo, a 5,3%, fronte ao índice de 5,6% do mes anterior.

Deste modo, Lagarde afirmou que o BCE debe continuar co ciclo de subas de tipos de xuro até estar o suficientemente seguro de que a inflación vai por bo camiño para retornar ao obxectivo de maneira oportuna.

"Hoxe, a inflación é demasiado alta e está destinada a permanecer así durante demasiado tempo. Estamos decididos a reducila ao noso obxectivo de 2% de maneira oportuna", asegurou, reiterando que aínda queda "terreo por percorrer" para levar as taxas a niveis suficientemente restritivos.

Acceso ao financiamento

Con todo, apuntou que as subas dos tipos de xuro xa se están reflectindo "con forza" nas condicións dos préstamos bancarios e anticipa que, despois do alcance e a rapidez da alza do prezo do diñeiro, "aínda se está preparando un axuste considerábel", aínda que incerto.

"Sabemos que as nosas subas de tipos aínda non se reflectiron plenamente nas condicións de financiamento. E tamén somos conscientes de que as recentes tensións nos mercados financeiros poden intensificar o endurecemento ao aumentar os custos de financiamento dos bancos e fomentar unha maior aversión ao risco", advertiu a banqueira central.

De tal maneira, a francesa sinalou a importancia de vixiar coidadosamente como se desenvolve o proceso de transmisión da política monetaria e se as tensións financeiras recentes deixan unha pegada duradeira nos mercados que tivese que ser tida en conta no nivel máximo a alcanzar polas taxas dos tipos de xuro.

Comentarios