O Banco de España prevé que o Euribor alcance unha taxa de 4,5%

Lagarde avisa dunha dura política monetaria.
O gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos, esta terza feira.
photo_camera O gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos, esta terza feira.

O Banco de España incluíu unha suba do Euribor até unha taxa de 4,5% nas súas predicións. O índice respecto ao que se calculan as cotas da maioría das hipotecas na Galiza fechou o mes de febreiro cunha taxa media de 3,5%, e a súa cotización diaria mesmo superou 3,8% durante os últimos días.

O gobernador da entidade, Pablo Hernández de Cos, pronunciou esta terza feira un discurso no que alertou sobre a posibilidade dunha suba acumulada de cinco puntos porcentuais dos tipos de xuro desde a taxa de -0,5% na que cotizaba o índice hipotecario no comezo de 2022.

Un aumento do Euribor que segundo cálculos do propio Banco de España afoga cerca de 15% das familias hipotecadas. Ademais, a porcentaxe de fogares que se enfrontan a “unha carga financeira neta elevada”. 

Segundo a definición da institución, aumentaría até 35% das familias endebedadas con menos renda e a 25% do seguinte tramo de ingresos, mentres que no caso dos fogares máis ricos, só 3% estaría afogado. Neste sentido, a teoría económica considera un endebedamento “elevado” o que supera un terzo dos ingresos familiares.

Por outra parte, as familias que actualizasen a súa hipoteca a tipo de xuro variábel recentemente pasaron de pagar 534 euros ao mes a 830 euros, 3.000 máis ao ano, para o préstamo medio de 150.000 euros a 25 anos cun diferencial de 1% máis Euribor (exemplo empregado como base polo Instituto Nacional de Estatística).

O BCE empregará "todas as ferramentas ao alcance"

Christine Lagarde, presidenta do Banco Central Europeo (BCE), asegurou esta terza feira que a institución tomará as medidas que sexan necesarias para dobregar a inflación até o obxectivo de 2%. "Usaremos todas as ferramentas ao noso alcance e faremos todo o que sexa necesario".

Desta forma, Lagarde empregou a famosa frase "o que sexa necesario" pronunciada en 2012 por Mario Draghi, o seu predecesor no cargo, en referencia ás medidas para "salvar" o euro ante a tormenta financeira que se vivía aquel ano.

Segundo as propias declaracións de Christine Lagarde nas últimas semanas, estímase un incremento de 0,5% dos tipos de xuro na reunión do consello de goberno do BCE do 16 de marzo, até 3,5%, así como novas subas nos seguintes meses.

Comentarios