O crédito ao consumo encareceu 34% en 2022 pola suba dos tipos de xuro

Facenda flexibiliza o aprazamento de pago de débeda.
O custo do financiamento con tarxeta de crédito chegou a 25% das operacións (Foto: Stockbusters).
photo_camera O custo do financiamento con tarxeta de crédito chegou a 25% das operacións (Foto: Stockbusters).

A suba de tipos de xuro encareceu o crédito ao consumo 34% no último ano, até alcanzar unha Taxa Anual Equivalente (TAE) de 8%, que se eleva a 18% para as compras en grandes superficies, segundo os datos publicados pola Axencia Negociadora de Produtos Bancarios.

Así, o prezo do financiamento ao consumo oscilou en función da modalidade de crédito elixida, con tipos de 7% nos bancos tradicionais fronte ao custo de 25% que se alcanzou para o financiamento das compras a través dunha tarxeta de crédito.

O encarecemento do financiamento ao consumo e do custo das hipotecas, sumado ao efecto da inflación, provocou unha "drástica" redución da renda dispoñíbel das familias e da taxa de aforro, que se situou no conxunto do Estado español en 2022 en 7,2% da renda dispoñíbel bruta, 6,6 puntos porcentuais menos que en 2021.

A Axencia Negociadora avisa de que esta "situación límite" provocou que moitas familias afronten dificultades para cubrir os seus pagos financeiros, o que supuxo que aumenten 30,8% as solicitudes de operacións de agrupación de créditos no primeiro trimestre de 2023.

A agrupación de créditos permite reducir até 68% os xuros polo conxunto de financiamentos, e así se consolidou como o procedemento máis eficaz para produtos financeiros cuxa amortización é inalcanzábel, como as tarxetas revolving.

Neste contexto, a Axencia Tributaria flexibilizará os aprazamentos de pago de débedas para facilitar a liquidez das persoas contribuíntes, con máis prazos de pagamento e cunha ampliación do límite exento de achegar garantías de 30.000 a 50.000 euros.

Deste aumento dos límites dos aprazamentos de pago beneficiaranse unhas 750.000 contribuíntes a partir do 15 de abril, data na que entrará en vigor esta nova medida do Ministerio de Facenda.

Pola súa parte, os prazos máximos de pagamento para as solicitudes de tramitación automatizada das operacións exentas de achegar garantías pasarán de 12 a 24 meses no caso as persoas físicas e de seis a 12 meses para as persoas xurídicas.

Comentarios