venres 30/10/20

A intervención de Alcoa cobra forza

Alcoa pensa seguir adiante co seu plan de fechar a factoría de aluminio primario de San Cibrao (Cervo) se ninguén llo impide. Coa posibilidade da venda practicamente descartada, a intervención por parte da Xunta, do Estado español ou de ambos cobra máis forza. Ningunha 
das administracións a desbota. 
Protesta de persoal de Alcoa (Carlos Castro/ Europa Press)
Protesta de persoal de Alcoa (Carlos Castro/ Europa Press)

Após o fracaso das negociacións entre Alcoa e Liberty House para a venda da planta de aluminio primario de San Cibrao, pola que tamén puxou o Estado español a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), moitas foron as voces que clamaron por unha intervención da factoría de Cervo.

Xunta e Goberno español aseguran que están a estudar "todas as vías" para resolver o conflito, incluída a da nacionalización, que era unha posibilidade xa contemplada en 2019 como saída ás plantas de aluminio de Alcoa na Coruña e Avilés, agora en mans do Grupo Riesgo, e que mesmo da que Alcoa xa foi 'vítima' en Italia.

Como explica o avogado Xoán Antón Pérez-Lema a Nós Diario, a intervención pública no capital das empresas privadas está prevista na Constitución española. A Xunta tamén ten competencias en materia de industria e podería asumir esa intervención en virtude da lexislación de patrimonio das Administracións Públicas 33/2002 ou a lei 5/2011 de Patrimonio da Galiza. "A posibilidade existe e non hai ningún problema en exercela. De feito, no marco europeo, Bruxelas vén de recoñecer a posibilidade e mesmo a conveniencia de que os Estados poidan entrar no capital de empresas privadas, quer cotizadas, quer non cotizadas, que sexan estratéxicas", apunta o letrado.

Decreto de expropiación

Segundo comenta, a solución pode vir por un decreto lei con carácter expropiatorio que estabeleza a utilidade pública do ben ou o carácter estratéxico do recurso. "Tanto o Consello da Xunta como o Consello de Ministras teñen capacidade para declarar urxente unha expropiación", sinala Pérez-Lema, que considera que "hai argumentos dabondo" para levala a cabo.

"O Estado español pode coller as accións directamente ou adscribilas á SEPI, e o mesmo pode facer a Xunta co Igape". En calquera caso, o avogado cre que ambos os gobernos "van ter que ir da man neste proceso" xa que, como apunta, "a Xunta, de acordo co Estatuto de Autonomía, tería dereito a participar na xestión desta empresa nacionalizada aínda que os cartos os puxese o Estado español".

En calquera suposto, a administración que levase a cabo a expropiación debería "valorar e pagar rigorosamente a Alcoa o xustoprezo". Na fixación do mesmo, indica, habería que ter en conta os bens e dereitos adscritos a esta fábrica como as perdas, cargas de emprego e obrigas ambientais, como a xestión de lodos, e fiscais (unha posíbel continxencia fiscal por devolución de axudas recibidas). Mais pode xogar ao seu favor o prezo marcado por Alcoa nas negociacións con Liberty. "Se hai negociacións que recoñecen que se ía vender por un euro pode ser unha xustificación de cara a negociar o xustoprezo", argumenta o letrado.

Dereito a impugnar

Pola súa banda, Alcoa tería potestade para impugnar ese xustiprezo. "Co decreto, a expropiación quedaría feita, e Alcoa só podería discutir a contía da compensación", di Pérez-Lema. Ese aspecto podería impugnalo e, no caso de ser rexeitado polas administracións competentes, acudir aos tribunais, ao Supremo no caso de que a orde veña do Consello de Ministras, e á Audiencia Nacional pola vía do contencioso se o acordo sae do Ministerio.

Tamén quedaría pendente resolver a cuestión da subministración de alúmina, que "precisaría un estudo máis fondo da situación". Aí, os dereitos portuarios, en mans do Estado, e a "deficiente" xestión da balsa de lodos poderían ser dous potentes bazas das administracións para facer forza na procura dunha solución que satisfaga as partes. 

Liberty terá que agardar

No caso de materializarse a expropiación da planta de aluminio primario para salvar os 534 empregos que dela dependen, Estado ou Xunta, en función de quen a leve a cabo, debería agardar para poñela no mercado. 

Neste senso, Pérez-Lema considera que "o máis prudente sería agardar uns meses a que se resolva a cuestión do xustoprezo".  Namentres, engade, Liberty House podería actuar como socio industrial e mesmo asinar un acordo de venda futuro ou condicionalo a novos investimentos na factoría. "En todo caso, non vexo a Liberty no capital de maneira inmediata", argumenta o avogado. 

O que si que se podería producir de inmediato é a aprobación dese decreto lei. "Pode ser cuestión de días. O Goberno español pode aprobalo no Consello de Ministras do vindeiro martes e a Xunta no Consello do xoves seguinte". Haberá que agardar a ver se iso finalmente acontece.

comentarios