sábado 23/01/21

O comité de Alcoa demanda máis tempo para negociar a venda coa SEPI

O presidente do comité de empresa da factoría de San Cibrao, José Antonio Zan, entende que os requerimentos da proposta á SEPI son "razonábeis"
Representantes laborais e sindicais ás portas do espazo da negociación. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
Representantes laborais e sindicais ás portas do espazo da negociación. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

O presidente do comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan, vén de avanzar que instará á multinacional a ampliar as negociacións coa SEPI para chegar a un acordo que permita vender a planta situada en Cervo.

Ademais, incidiu en que seguen a rexeitar a imposición dun ERTE ou dun ERE, pois pensan que é “un despido en diferido” para o cadro de persoal.

Así se manifestou no último descanso da mesa negociadora con Alcoa que está a decorrer en Nigrán.

Para Zan é inaceptábel que a empresa propuxera a medida de despedimentos a través dun correo electrónico e non na negociación cara a cara.

O representante das e dos traballadores xa denunciou esta mesma tarde o intento da compañía de condicionar a venta das instalacións de San Cibrao á SEPI a ese expediente de regulación de emprego, temporal ou definitivo.

“O ERTE nunha planta de aluminio significa o mesmo que o ERE porque é parar cubas e, se paras as cubas, matas a planta igual. É un despido en diferido”, reiterou, nunha reflexión que recordaba bastante á do comité de Alu Ibérica (na Coruña), antes da venda.

En medio das críticas, reclamou que Alcoa dea marxe de “15, 20 días ou un mes” para chegar a un acordo coa SEPI porque, sostén, que os parámetros da proposta son “razonábeis”.

comentarios