“A solución, a intervención”: A mobilización do persoal de Alcoa peta na portas da Xunta

 

Centos de persoas procedentes da Mariña, nunha xornada marcada pola folga na factoría de San Cibrao, maniféstanse ante a sede central da Xunta, en San Caetano (Compostela).

MANI ALCOA-90 arxina
photo_camera Un momento da protesta ás portas de San Caetano (Fotos: Arxina)

“Enerxía, solución”, “A solución, a intervención” ou “Feixoo c...., apoia a intervención”. Tres dos lemas que ao longo da mañá desta cuarta feira se corearon con insistencia e gañas fronte a San Caetano, en Compostela, cuartel xeral do Goberno galego. Centos de persoas procedentes da Mariña, traballadores de Alcoa e veciñanza, se desprazaron até a capital galega para defender o emprego nesta comarca do norte galego.

Fixérono nunha xornada marcada polo seguimento total da folga convocada na planta de San Cibrao. “Seguimento total”, en palabras do propio comité, nas fábricas de aluminio e  alúmina, así como das auxiliares. "Sabemos que nos están apoiando os comercios e autónomos e os empresarios da Mariña, incluídos os concellos Xove, Cervo e Viveiro que tamén puxeron día de folga para hoxe", apuntaba José A. Zan, presidente do comité.

A xornada comezara na noite desta terza feira, coa queima do panel de entrada á factoría e con barricadas. Traballadores tamén cortaron as vías do tren. 

Xa en Compostela, fronte á valla de San Caetano, faixas que reiteraban as mensaxes que ao longo destas semanas, desde que Alcoa anunciou a súa intención de despedir 534 traballadores, presidiron as mobilizacións: “Alcoa non se fecha”, “Sen industria non hai futuro”, “RIP A Mariña”, “Nacionalización”, "A Mariña sálvase loitando"... Durante a protesta, guindáronse ovos e pintura contra a valla de entrada da sede da Xunta. Tamén se lle prendeu lume a varios bonecos.

Entre as faixas, bandeiras galegas nas súas diferentes variedades: desde as do ‘cáliz’ até as da estrela vermella no medio da franxa celeste, pasando tamén polas que levan o escudo deseñado por Castelao.

Apoiando os traballadores, candidatos como Ana Pontón e Olla Rodil (BNG) ou Luca Chao (Galicia en Común). Tamén estaban presentes, se ben con outra finalidade, varias dotacións de antidisturbios.

Comentarios