Alcoa di que ofreceu a Liberty a planta de San Cibrao por un euro

A multinacional norteamericana sinala que as demandas da firma británica non son razoábeis
O director de Alcoa España, Rubén Bartolomé González, chegando á reunión en Lugo co comité de empresa de San Cibrao (Carlos Castro/ Europa Press).
photo_camera O director de Alcoa España, Rubén Bartolomé González, chegando á reunión en Lugo co comité de empresa de San Cibrao (Carlos Castro/ Europa Press).

Alcoa fai gala da súa boa disposición a vender a factoría de San Cibrao, mais di que topa con "demandas non razoábeis" por parte de GFG Alliance, o grupo ao que pertence Liberty, interesada en facerse coas instalacións de aluminio primario de San Cibrao (Cervo).

Segundo detalla a empresa nun comunicado, o grupo británico "continúa con demandas non razoábeis e fóra dos límites do acordo do 13 de agosto" pese as "concesións substanciais" realizadas pola actual propietaria "para facilitar a venda". 

"Alcoa fixo unha proposta xusta e razoábel a GFG para facilitar a adquisición da súa planta de aluminio", reivindica. Neste sentido, concreta que accedeu a vendela por un euro, a achegar 50 millóns de dólares a un fondo para tratar de garantir "o éxito futuro" da planta, a pagar os custos (estimados en até 60 millóns de dólares) necesarios para a separación da planta de aluminio da refinaría, e a conceder un contrato de subministración de alúmina por cinco anos "en condicións estándar de mercado".

As peticións de Liberty

Pola súa banda, apuntan que GFG Alliance "está a pedir comprar a planta de aluminio por un euro e que ademais Alcoa asuma custos de até 170 millóns de dólares na venda, négase a comprometer financiamento propio para a viabilidade futura da planta, insiste en obter opcións exclusivas para controlar a refinaría de alúmina de San Cibrao e pretende obter un contrato de subministración de alúmina durante 20 anos, sen precedentes no mercado e fóra dos límites das prácticas habituais desta industria", critica Alcoa.

Neste senso, lembra que Liberty estaba disposta a asumir todas as perdas da operativa en curso e responsabilidades da planta de aluminio, mais só ofrece "un máximo de 1 millón de euros ao mes até o fechamento da transacción, cantidade substancialmente menor que as perdas mensuais actuais", sinala a multinacional.

Comentarios