PP e PSOE votaron esta quinta feita en contra da moción presentada polo BNG na que se apostaba, no caso de fracasar a negociación para a venda da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo), pola intervención pública para a nacionalización da planta de aluminio de forma que se garantise a continuidade da actividade e dos postos de traballo. A formación nacionalista advertiu que de non se lograr un acordo para a súa venda se non hai unha nacionalización podería fechar a factoría e provocar unha catástrofe económica e social para toda a comarca.
Néstor Rego, deputado do BNG, afirmaba que non entendía "como o Goberno español non aposta pola nacionalización da factoría, que xa no seu día foi pública e que nunca debeu ser privatizada".
Continuarán as mobilizacións do comité
O comité de empresa da planta de Alcoa San Cibrao subiuse onte á Muralla de Lugo para descolgar unha pancarta baixo o epígrafe 'Non se vive do turismo' e reclamar a continuación da actividade na factoría. O seu presidente, José Antonio Zan, confirmou que as negociacións con Liberty House "non están rotas" mais Alcoa está a entorpecer o proceso "cun contrato de cinco anos e deixar entrever o que pasaría coa planta de alúmina neses cinco anos". O comité asegura que para a semana vindeira continuarán as mobilizacións.
Desde Alcoa aseguran nun comunicado que GFG Alliance (Liberty House) "mantén as súas demandas non razoábeis polo que pon en risco o proceso de venda" como a de non comprometer recursos financeiros propios para a viabilidade da planta.