sábado 28/11/20

Unha diferenza de 50 millóns deixa a planta de Alcoa sen nova propietaria

Alcoa e Goberno español endurecen as súas posturas após o fracaso das negociacións de venda da factoría por diferenzas que cifran no entorno dos 50 millóns de euros. Na Mariña, institucións e traballadores piden ao Executivo estatal que intensifique a presión para lograr que Alcoa acceda á venda e non execute os despedimentos.
Imaxe dunha protesta do cadro de persoal de Alcoa. (Comité de empresa / Europa Press)
Imaxe dunha protesta do cadro de persoal de Alcoa. (Comité de empresa / Europa Press)

A diferenza entre o que pide Alcoa pola factoría de San Cibrao (Cervo) e o que ofrece Liberty sitúase  "entre 40 e 50 millóns de euros".Esas son os cálculos do alcalde de Xove, o popular Demetrio Salgueiro, que estima que "o custo social é moito máis importante", como tamén o serían as cantidades que deixaría de ingresar o Estado español a través da Seguridade Social ou o custo que ía ter en seguros de desemprego. "O custo sería moi superior á cantidade que diferencia as posturas entre Alcoa e  Liberty", insistiu o rexedor.

Salgueiro considera que a saída de Alcoa da Mariña "sería unha catástrofe para Xove, para Cervo e para toda a comarca". "Veriámonos afectados por unha onda xigante que arrasaría con gran parte do tecido produtivo de Lugo (Alcoa representa 30% do seu PIB)", alertou.

Nesta liña, cre que Xunta e Goberno estatal teñen que lograr que a venda se materialice. "Sería un fracaso que unha multinacional decida fechar cando hai un proxecto industrial detrás disposto a seguir fabricando", indicou.

Medidas de presión

Mais Alcoa parece estar xa a outras cousas. Onte trasladou ao Goberno español o rexeitamento ao seu ofrecemento para facerse coa planta de aluminio primario, unha negativa á que o Ministerio de Industria contestou anunciando medidas "menos amistosas" que poderían ir pola vía do endurecemento das medidas de presión fiscal á multinacional norteamericana. 

Desde distintos estamentos e formacións políticas tamén se exixe máis contundencia coa multinacional. Onte mesmo, antes do pleno da Deputación de Lugo, o seu presidente, o socialista Xosé Tomé, emprazou ao Goberno español a activar "mecanismos xurídicos" para evitar que Alcoa feche. Tamén lembrou que foi o Executivo estatal "o único que puxo solucións encima da mesa cando outros parecían que se apoiaban na pretensión da empresa", en referencia á Xunta. 

Sobre o Goberno galego mais tamén sobre o estatal cargou as tintas o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, que compareceu onte en rolda de prensa para pór de manifesto que "diante da evidencia de que Alcoa se nega a vender, co fin de eliminar a competencia no Estado español, a única opción que queda é que as Administracións públicas competentes  -goberno español e goberno galego- se poñan de acordo para unha intervención que consiga manter a actividade na Mariña e preservar a totalidade dos postos de traballo".

Rego destacou que os intereses da multinacional norteamericana "non poden estar por riba dos intereses do pobo galego e da manutención dunha actividade económica que é esencial no noso país e tamén para o mantemento dos postos de traballo". Estamos a falar, dixo, de máis de 1.000 empregos entre o cadro de persoal de Alcoa e as empresas auxiliares.

O fechamento de Alcoa, alertou, suporía un impacto brutal para toda a economía galega e especialmente para a comarca da Mariña, polo que "as Administracións públicas teñen unha enorme responsabilidade  e a obriga de intervir.” afirmou.

Sen tempo extra para negociar despedimentos 

Mais a presión non vén só dun lado. Alcoa segue adiante cos seus plans como se nestas últimas semanas non pasase nada.  

En 15 días a contar desde esta segunda feira, data da última reunión convocada pola empresa na que se fechou sen acordo o período de consultas, a multinacional deberá decidir se leva a cabo un procedemento de despedimento colectivo.

Non quixo atender á petición do comité de dar máis prazo á SEPI, que trasladou a súa proposta hai agora unha semana para chegar a un acordo de venda das instalacións.

Segundo o acordo asinado cos representantes dos traballadores o pasado 13 de agosto, en caso de non chegar a un acordo de venda o 27 de setembro de 2020, Alcoa e os representantes dos traballadores reuniríanse "durante un día" para negociar un plan social para un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) ou a aplicación dun despedimento colectivo permanente (ERE).

A segunda feira, engade, "os representantes dos traballadores negáronse a negociar un plan social e non foi posíbel un acordo, polo que Alcoa conta agora cun prazo de até 15 días, conforme á normativa española, para tomar unha decisión en relación ao proceso de despedimento colectivo". 

A asemblea de traballadores, pola súa parte, acordou onte convocar unha folga indefinida a partir do 4 de outubro para evitar os despidos.

O comité intensifica as súas protestas

Centos de traballadores e traballadoras de Alcoa e auxiliares cortaron onte as entradas á factoría de San Cibrao, unha acción que levan a cabo após a negativa da multinacional a permitir a venda da fábrica e seguir así co proceso de despedimento de máis de 500 operarios. "Non se permite o acceso a ninguén", sinalaron representantes do persoal, que defende unha intervención da fábrica e incide na necesidade de evitar que se apaguen as cubas de fundido do metal, o que significaría a fin do proceso produtivo.

O presidente do comité de empresa da planta de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan, insistía esta segunda feira en non negociarán coa multinacional a aplicación de "ERTE nin ERE" por tratarse dun proceso "fraudulento". Nesta misma liña, advertiu que o comité non desbota acudir aos xulgados se esta aposta nos despedimentos.

comentarios