As importacións galegas subiron en maio 36% máis que as exportacións

As importacións na Galiza incrementaron en maio 55,7%, unha cifra que case triplica o aumento das exportacións, que se situaron en 19,5% nese mesmo mes. As compras a Oriente Medio aumentaron 527% e descenderon 81,6% os encargos a Rusia.
O descenso das exportacións no sector naval e o aumento na importación de peixe e marisco tiveron influencia nos datos galegos. (Foto: Porto de Vigo)
photo_camera O descenso das exportacións no sector naval e o aumento na importación de peixe e marisco tiveron influencia nos datos galegos. (Foto: Porto de Vigo)

As exportacións galegas aumentaron 19,5% no mes de maio, en comparación co mesmo período de 2021, mentres que as importacións creceron no quinto mes do exercicio actual 55,7%, segundo os datos publicados esta segunda feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

O aumento das exportacións galegas foi inferior ao da media do Estado español, xa que no total estatal estas subiron 28,8% en maio. As importacións aumentaron 47,1% no conxunto do Estado, por baixo do crecemento galego.

En concreto, os produtos exportados pola Galiza alcanzaron un valor de 2.514 millóns de euros en maio, mentres que os importados quedaron nos 2.222 millóns de euros. Por iso, a Galiza alcanzou un saldo positivo superior aos 291 millóns.

No que vai de ano, o país exportou 11.609 millóns, 22,6% máis, e importou 10.372 millóns, 31,7% máis, cun saldo positivo de 1.237 millóns. 

O descenso das importacións galegas no que vai de ano ten a súa maior influencia no sector automobilístico, que tamén inclúe os tractores, cunha baixa de 6,8 puntos. 

Desde xaneiro, os combustíbeis e aceites minerais (12,8 puntos) representan a maior suba de importacións, mentres que os vehículos automóbiles e tractores representan a maior baixa, de 7,5 puntos.

Os produtos con maior influencia no incremento das exportacións en maio foron as pezas de vestir non de punto, cun peso de 13,1% do total e unha taxa de variación de 57,6%; seguidas dos combustíbeis e aceites minerais, das prendas de vestir de punto e dos aparellos mecánicos.

O mar está detrás dos datos galegos negativos

En xeral, o grupo das materias téxtiles e as súas manufacturas representou 24,2% das exportacións galegas en maio. Pola contra, os barcos e embarcacións foron o grupo que máis repercutiu de forma negativa, chegando a caer 12,4 puntos.

No apartado das importacións, os produtos que máis influíron no seu aumento foron os combustíbeis e aceites minerais, que representaron 21,3% do peso total, seguido das pezas de vestir non de punto (4,8%) e dos peixes, crustáceos e moluscos (4,2%). 

Uns datos que resultan paradoxais, xa que a Galiza é historicamente unha potencia no campo dos efectos navais, así como na produción de produtos do mar como o peixe e o marisco.

Destino das exportacións desde o territorio galego

Até 81,3% das exportacións galegas en maio tiveron como destino Europa, 37% máis, con 2.043 millóns de euros. As saídas de produtos aos 27 Estados que conforman a Unión Europea (UE) supuxeron, pola súa parte, 74,5% do total. Aliás, destináronse á zona euro 1.610 millóns, 64,1% do conxunto das exportacións, 40,7% máis que no mesmo mes de 2021. 

Así, aumentaron o total das vendas galegas cara a Francia (18,9%), a Portugal (46,2%), Italia (40,9%), Países Baixos (150,6%) e Alemaña (95,9%), países todos eles onde o téxtil galego é moi apreciado. América supuxo 8,5% das exportacións, con 213 millóns, 52,8% máis, mentres que a Asia enviáronse 113 millóns, 4,5% do total e 18,7% de suba. África supuxo 5,3% das exportacións, con 133 millóns, 22,7% máis.

Con respecto ás importacións, máis da metade (52,6%) dos produtos importados pola Galiza en maio procederon de Europa, con 1.169 millóns, 31,7% máis. América situouse en maio en segundo lugar, con 362 millóns, 16,3% do total e un crecemento de 70,2%, seguida de Asia, con 350 millóns, 127% máis e 15,8% do total. Pola súa parte, África supuxo 14,9% do total, con 330 millóns, duplicando o seu dato de maio de 2021.

No caso das introducións procedentes dos 27 Estados da UE, no mes de maio representaron 47,6% do total, producíndose unha suba de 37,1% respecto ao mesmo mes do ano 2021, debido fundamentalmente ao incremento das compras a Francia (9,5%) e Portugal (53,8%). 

Tamén é destacábel o aumento das importacións procedentes de Oriente Medio, de 527,9%, onde ten importancia a venda petróleo e gas; así como o descenso dos produtos que chegan desde Rusia, de 81,6%, importantes para os sectores galegos agrogandeiro e do metal.

Comentarios