A automoción frea o crecemento das exportacións galegas no terceiro trimestre

As vendas de vehículos a terceiros países esborrállanse 41,2% con respecto ao terceiro trimestre de 2020.
A falla de compoñentes está a afectar a planta de Stellantis en Vigo, que viu reducida a súa produción (Foto: Marta Vázquez / Europa Press).
photo_camera A falla de compoñentes está a afectar a planta de Stellantis en Vigo, que viu reducida a súa produción (Foto: Marta Vázquez / Europa Press).

A automoción, que durante meses foi o sector que tirou do crecemento das exportacións galegas, é agora a 'culpábel' de que volvesen no terceiro trimestre do ano a terreo negativo. En concreto, en comparación co mesmo período do ano pasado,  as exportacións galegas rexistraron unha caída de 4,9%, un dato que contrasta cun crecemento no conxunto do estado de 19,8%.

Así se desprende dos datos do Barómetro Exportador da Galiza (Baexga) avanzados na sexta feira, 17 de decembro, por representantes do Foro Económico da Galiza, que destacaron que, após que as exportacións galegas rexistrasen nos dous primeiros trimestres taxas de crecemento "significativamente por riba da media española", neste terceiro trimestre o seu valor mostrou unha evolución "moito menos favorábel" que a do conxunto estatal.

Este cambio de tendencia se explica polo esborralle das exportacións do sector do automóbil, cunha caída interanual de 41,2% nas súas exportacións no terceiro trimestre, en parte motivadas polo descenso da produción pola chamada 'crise dos microchips', o que, xunto ao descenso de 8,1% do sector téxtil ─outro dos motores da economía galega─, resulta "determinante" na variación negativa que rexistra o total de vendas de Galiza no exterior, apuntan as expertas do Foro.

Comportamento desigual

O 'Baexga' É un barómetro con periodicidade trimestral no que sobresae o 'semáforo' como resumo de seis indicadores: volume de exportacións, concentración sectorial, concentración espacial, empresas exportadoras, empresas exportadoras regulares e empresas exportadoras de intensidade tecnolóxica alta.

Nesta ocasión, as responsábeis da súa elaboración, Isabel Novo e José Manuel Sánchez, fan un estudo máis pormenorizado do país, no que advirten un comportamento "desigual" das exportacións, condicionado "en gran medida" pola concentración sectorial que caracteriza ás distintas comarcas.

De feito, a área de Vigo é a única de toda Galiza que presenta taxas de variación negativas, precisamente polo peso que o sector do automóbil ten na súa contorna. Pola contra, as comarcas do interior do país son as que experimentan maiores taxas de crecemento, aínda que son tamén as que menor peso teñen no total das exportacións.

Entre os sectores que máis crecen destacan o de produtos minerais (que inclúe os combustíbeis), o dos metais comúns e a madeira e as súas manufacturas.

Boa saúde

Na presentación, as persoas expertas do Foro sinalaron que, a pesar da caída no terceiro trimestre, Galiza goza de "boa saúde" en canto a exportacións, aínda que tamén incidiron no "problema" da automoción pola 'crise dos microchips'.

Neste senso, o director do Foro, Santiago Lago, mostrou "serias dúbidas" de que o ano poida rematar en "máximos históricos", posto que os bos datos da primeira metade veranse lastrados polos da segunda. 

En calquera caso, en conxunto o ano estará "bastante ben", aínda que lonxe dos valores dos dous anos anteriores (2019-2020), nos que Galiza alcanzou porcentaxes de 7,7% e 8% respecto ao total español, indicou.

Comentarios