Seis zonas de marisqueo de bivalvo están fechadas para a extracción

Seis zonas en tres das cinco rías galegas nas que se desenvolve a extracción de moluscos infaunais, aqueles que se recollen debaixo da area, están fechadas ao marisqueo. A razón, as biotoxinas lipofílicas, cuxa incidencia fai perder grandes cantidades económicas ao sector. Tanto profesionais como persoal científico coinciden na necesidade de mellorar as redes de saneamento na Galiza e de realizar estudos para analizar a influencia da actividade humana sobre a proliferación de mareas vermellas.
A Galiza é o principal produtor de marisco bivalvo na Unión Europea desde hai décadas. (Foto: Europa Press)
photo_camera A Galiza é o principal produtor de marisco bivalvo na Unión Europea desde hai décadas. (Foto: Europa Press)

A presenza de algas mariñas tóxicas "está aumentando en todo o mundo e, por tanto, a acumulación de toxinas mariñas na cadea alimentaria representa unha ameaza para a industria dos moluscos", así se deprende dun estudo da investigadora da facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Natalia Miguéns.

O feche de zonas de produción de moluscos por proliferación de biotoxinas, coñecido popularmente como marea vermella, está a deixarse notar nas últimas xornadas na Galiza, cun total de seis zonas fechadas á extracción de moluscos infaunais, é dicir, as que se recollen por debaixo da capa de substrato da area, cinco delas pola presenza nas augas de niveis de biotoxinas lipofílicas superiores aos autorizados para o consumo.

A ría de Pontevedra presenta catro zonas fechadas, tres delas polo nivel de lipofílicas, ás que se lle suman unha zona fechada na ría de Muros e Noia e outra na ría de Vigo, pola mesma razón.

Antón Masa, da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, en conversa con Nós Diario, sinala que "se a ría estivese en mellores condicións de salubridade da auga podería ser que este tipo de episodios non se desen tan frecuentemente como pasa na ría de Pontevedra".

Necesidade de estudos

"A primavera e o outono son as épocas onde hai máis episodios e máis longos a razón dos afloramentos mariños de fitoplancto", sinala Liliana Solís, bióloga da confraría de Noia, a Nós Diario. "As condicións meteorolóxicas son as que fan que cada episodio dure máis ou menos".

Solís sinala que existe "relación entre a eutrofización das rías e a actividade humana, provocando proliferación de algas verdes no fondo das rías e que afectan á produción, polo que se retiran dos bancos marisqueiros".

Así, o aumento da contaminación por nutrientes ocasionado polas actividades industriais, urbanas e agrícolas aceleran a eutrofización de lagos, arroios e zonas costeiras, afectando por tanto ás rías.

Porén, a bióloga explica que a proliferación dos episodios de lipofílicas por causa da actividade humana e a eutrofización non é unha cuestión suficientemente estudada. "Necesitaríanse estudos concretos na Galiza porque estamos nunhas das zonas de maior produción de bivalvos e causan grandes perdas polos feches dos bancos", afirma.

Unha cuestión de grande importancia económica

A ameaza do aumento destes episodios para a economía galega é grande, posto que "a Galiza é o principal produtor de moluscos bivalvos na Unión Europea e nas últimas décadas, ten sido obxecto de numerosos feches de polígonos de produción debido á presenza de biotoxinas, sendo as toxinas lipofílicas as máis habituais nas costas galegas", sinala Miguéns no seu estudo.

O presidente da Plataforma en Defensa do Mar Muros Noia (Plademar), Pablo Silva, expón a este xornal que os estudos sobre a proliferación das mareas vermellas son moi necesarios, "estou convencido de que cantidades excesivas de nitróxeno e fósforo na auga tenden a desencadear un aumento dos períodos tóxicos, así como unha maior virulencia dos mesmos". 

Así, explica, "cando o saneamento das zonas urbanas non é quen de impedir que o nitróxeno e o fósforo cheguen ás augas poderíase producir un aumento dos períodos nos que prolifera esta problemática". 

"Non só se precisan estudos, débese avanzar no estudo destes procesos mais tamén en materia de saneamento neste país, pois as consecuencias das augas residuais son algo innegábel", culmina Silva. 

O presidente de Plademar corrobora que, ademais de "importantes consecuencias económicas", as mareas vermellas "xeran incerteza no sector" e incluso que "en ocasións haxa que desbotar o marisco que xa se ten extraído do mar".

Comentarios