As firmas galegas xóganse 200 millóns en exportacións a Rusia e Ucraína

Sectores económicos da Galiza como a pesca, o téxtil e a automoción miran con preocupación o que acontece na fronteira entre Rusia e Ucraína.
Inditex ten en Rusia un dos seus principais mercados comerciais, aínda que recortou a súa presenza desde o inicio da pandemia (Foto: Alex Photo).
photo_camera Inditex ten en Rusia un dos seus principais mercados comerciais, aínda que recortou a súa presenza desde o inicio da pandemia (Foto: Alex Photo).

O aumento das tensións na fronteira entre Rusia e Ucraína tivo co arranque da semana as súas primeiras consecuencias económicas, pois as bolsas rexistraron a súa primeira gran caída do ano, con perdas millonarias na cotización de moitas empresas, sobre todo aquelas con intereses nestes países. 

É o caso da galega Inditex, que onte recuperaba parte do camiño perdido na xornada anterior, na que os seus títulos perderon 3,38% do seu valor. O motivo, que a firma fundada por Amancio Ortega ten en Rusia a súa maior rede comercial fóra do Estado español, con 521 estabelecementos a feche de 2020, segundo a memoria da multinacional téxtil con sede en Arteixo.

Son 37 menos que as 558 con que contaba a finais de 2019, debido a que a firma de moda paralizara os seus plans de expansión no país a causa da pandemia da Covid. Aínda así, empregaba 9.119 persoas en Rusia a feche de 2020, fronte as 10.696 que tiña só un ano antes.

En Ucraína, Inditex mantén 72 estabelecementos e 1.170 persoas empregadas, 220 menos que no exercicio anterior. 

O téxtil é, pois, un mercado interesante para a Galiza nestes dous países, non só para Inditex, senón para firmas como Bimba&Lola, que tamén ten presenza alí. 

Bens exportados

Segundo os últimos datos do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, entre xaneiro e novembro de 2021, a Galiza exportou a Rusia produtos téxtiles por valor de 30 millóns de euros, sobre un total de 113,3 millóns de euros exportados. Foron, xunto cos insecticidas que fabrican firmas como Zelnova Zeltia, controlada por Pedro Fernández Puentes, presidente do Grupo Zendal, os produtos máis demandados por Rusia. O valor destes chegou aos 28,2 millóns de euros.

Pola súa parte, o total de bens exportados nese mesmo período a Ucraína situouse nos 102,9 millóns de euros, dos que case a metade (48,6 millóns) corresponden a bens do sector da automoción. Por detrás destes colócase a pesca conxelada, cun volume exportado entre xaneiro e decembro de 24,6 millóns de euros, e novamente os insecticidas, con 15,5 millóns de euros en bens exportados desde a Galiza.

Artigos de primeira necesidade

No que atinxe ás importacións, os produtos que a Galiza compra a Rusia e Ucraína superan en valor aos exportados. De feito suman case o dobre (410,4 millóns en compras fronte aos 216,3 das vendas). 

No caso de Ucraína, trátase de produtos tan básicos para sectores como o alimentario, o agrícola ou o gandeiro como o aceite de xirasol (74,8 millóns de euros) e o millo (40,5 millóns), que levan boa parte dos 130,7 millóns de valor da mercadoría importada. 

No caso de Rusia, as compras desde a Galiza, que ascenderon a 279,7 millóns de euros até novembro, corresponden a outro tipo de produtos tamén determinantes para a economía galega, como son os combustíbeis. 

Subministro enerxético

A maior parte desa cantidade (184,7 millóns de euros) corresponde a importacións de petróleo e gas natural, aos que hai que sumar outros 17,1 millóns de euros de compras de carbón realizadas o pasado ano.

Xunto a estes, outro produto chave é o gas natural, que ten en Rusia a un dos principais subministradores da Unión Europea. A maioría chega a través de gasodutos, que aproveita sobre todo a cidadanía dos Estados centrais.

No caso da Galiza, o gas natural que se emprega nos fogares e na industria provén fundamentalmente de Alxeria, tamén por gasoduto, pero o conflito con Marrocos fixo aumentar a chegada de gas natural licuado (GNL) por barco.

Así, á regasificadora de Reganosa en Mugardos chegaron o pasado ano 27 buques metaneiros, sendo os procedentes de Rusia maioría. Daquel país chegaron un total de 10 gaseiros, máis que de ningún outro territorio.

Comentarios