Análise

A realidade enerxética galega (II): Da gran dependencia á gran exportación

Adrián Dios, profesor de Historia Económica na Universidade de Santiago de Compostela, prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
O actual sistema enerxético non está pensado para que os produtores obteñan os beneficios de producir. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera O actual sistema enerxético non está pensado para que os produtores obteñan os beneficios de producir. (Ilustración: Álex Rozados)

Nun artigo previo falamos da gran dependencia enerxética galega, fundamentalmente derivada das necesidades de importación de petróleo, carbón (agora en menor medida tras o peche das Pontes e Meirama) e gas natural. Con este panorama inicial, imos observar o paradoxo de que aínda con esta forte dependencia, boa parte da nosa enerxía remata sendo exportada ao exterior. É dicir, dependemos do exterior para proporcionar enerxía a outros.

Unha característica interesante da nosa economía é que posteriormente á crise do 2008 o noso consumo enerxético mantívose constante. É unha realidade en case calquera economía que a medida que o seu PIB aumenta, tamén o fan os seus usos enerxéticos. Con todo, Galiza é unha excepción nesa evolución: formalmente vivimos unha situación de crecemento económico a partir do 2014, pero o noso consumo enerxético non aumentou, derivado en boa medida dunha importante crise industrial que fixo que moitas empresas con importantes consumos enerxéticos desapareceran. Polo tanto, a última década constata que, a priori, non precisamos maior capacidade instalada.

A esta idea é importante facerlle unha interesante apreciación subliñada de xeito habitual polos compañeiros do Colectivo Bidán: se a economía tende a electrificarse (por exemplo, ao expandirse os coches eléctricos), parece evidente que a longo prazo tamén empregaremos máis enerxía e, concretamente, máis electricidade.

Exportar pode ser un bo mecanismo para potenciar o crecemento económico, desenvolver o tecido produtivo e obter rendementos

Polo tanto, aínda que na actualidade vivamos esta situación de estancamento, a planificación enerxética ten que atender á evolución da transición enerxética.

Pero volvendo á situación enerxética galega actual: que enerxía final temos no noso país? Unha vez sumadas todas as importacións (combustibles fósiles) e produción propia (vento, auga e biomasa), esta enerxía primaria é transformada para obter a enerxía final que podemos empregar: ao fin e ao cabo, o que nos interesa do gas non é ter gas, senón producir electricidade ou calor, por exemplo. Como era de agardar, a enerxía final galega está orientada na súa maioría aos derivados do petróleo (un 50% do total da nosa enerxía final!) e á electricidade (un 30% do total), sumando o 20% restante outros consumos enerxéticos de moita menor importancia.

O elemento importante desta realidade é quen finalmente consume esta enerxía final. Xa sabemos que temos que importar moitas materias primas para a produción da nosa enerxía final: cru de petróleo para os produtos petrolíferos finais, como gasolina ou gasóleo; carbón e gas natural para a produción de electricidade. O lóxico sería pensar, se tivésemos un sistema enerxético autocentrado no noso país, que vai ser a economía galega (dende a economía familiar ás empresas e a administración) quen empregue esta enerxía. E aquí é onde se produce a característica máis específica do panorama enerxético galego: o 50% dos derivados do petróleo (!!) e o 35% da nosa electricidade (!) son exportadas ao exterior.

O certo é que esta situación, en si mesma, tampouco tería por que ser mala: exportar pode ser un bo mecanismo para potenciar o crecemento económico, desenvolver o teu tecido produtivo e obter rendementos.

O problema é que o actual sistema enerxético non está pensado para que os produtores obteñan os beneficios de producir, senón que o obxectivo é que os produtores poidan prover enerxía aos territorios sen capacidade de produción.

Con todo, si que temos que asumir os custos negativos, en particular en termos medioambientais

É dicir, bloquéase vía regulación que poidamos obter eses beneficios: o sistema de formación de prezos impide que tanto os derivados do petróleo como a electricidade sexan máis baratas en Galiza que no exterior, o que facilitaría reducir os problemas de pobreza enerxética, pero tamén favorecería o tecido empresarial por reducir os seus custos enerxéticos e, polo tanto, facerse máis competitiva.

En paralelo, un sistema empresarial en boa medida foráneo é quen en última instancia obtén os beneficios da produción enerxética en Galiza (Repsol ou Naturgy non teñen o seu domicilio fiscal en Galiza, por suposto), o que limita os impactos positivos a través de novos investimentos ou de recadación tributaria. É dicir, nin pola vía dos ingresos das empresas nin pola vía dos prezos enerxéticos obtemos algún tipo de beneficio.

Con todo, si que temos que asumir os custos negativos, en particular en termos medioambientais: a existencia de encoros, centrais térmicas de carbón, centrais de ciclo combinado, unha refinería, unha regasificadora ou a enorme cantidade de parques eólicos teñen os seus clarísimos impactos e riscos, que temos que asumir en solitario como territorio.

É dicir, a falta de política enerxética en clave galega déixanos como dependentes do exterior en materias primas enerxéticas e como provedores de enerxía final ao exterior, pero non podemos obter rendementos positivos desta situación, aínda asumindo as súas consecuencias negativas.

Comentarios