Hostalaría.gal asina un convenio con eléctricas para aforrar custes

O colectivo hostalaría.gal vén de asinar un convenio con Iberdrola que, entre outras vantaxes, posibilita un aforro do 3% da mellor oferta da compañía eléctrica aos estabelecementos asociados da plataforma.
Local de hostalaría en Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Local de hostalaría en Compostela. (Foto: Arxina)

Hostalaría.gal vén de asinar un convenio coa empresa de enerxía Iberdrola que significará para os estabelecementos asociados á plataforma hostaleira a posibilidade de aforrar na factura eléctrica.

O convenio entre as entidades supón que a distribuidora fará un 3% de rebaixa da mellor das ofertas da compañía ás empresas de restauración que se acollan.

Un convenio que ofrece diversas vantaxes

Alén diso, o acordo tamén recolle outras posibilidades como: realización de estudos de optimización e aforro baseados en históricos de consumo, estudo de viabilidade e aforro de instalación de Placas Fotovoltaicas, orzamentos de instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos, novas altas e baixas de subministración de luz e gas, subas e baixadas de potencias, cambios de tarifa de acceso, xestión de expedientes enerxía ca distribuidora, consulta de facturación a través de teléfono ou correo electrónico, cambios de titularidade de subministración ou pagamento, modificación de contas bancarias e fraccionamento de facturas.

Satisfacción pola sinatura

O responsábel da plataforma hostaleira, Lois Lopes, en declaracións a Nós Diario, mostrouse satisfeito do convenio asinado coa empresa eléctrica.

Lopes sinalou que "entre os moitos obxectivos de hostalaría.gal está chegar a acordos con distribuidoras para obter descontos que redunden nos intereses dos asociados".

Así mesmo, fixo fincapé en que a enerxía supón "un dos custes fixos máis importantes" e en que "as subas están a agravar unha situación xa de por si delicada para o sector", polo que o acordo é un avance "significativo" para "poder seguir coa actividade".

Comentarios