O prezo da luz marca o seu maior rexistro de 2022

A ofensiva rusa en Ucraína encarece o gas 29%.
Segue a evolución do prezo da electricidade en 'Nós Diario'. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O prezo esta segunda feira é de 277 euros/MWh (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O prezo medio da electricidade no mercado almacenista sobe esta segunda feira 8,15% a respecto deste domingo, e supera deste modo os 277 euros por megawatt hora (MWh), o prezo máis alto no que vai de 2022.

En concreto, o prezo medio do 'pool' é de 277,78 euros/MWh, uns 21 euros máis caro que o prezo do domingo, situado en 256,84 euros/MWh, segundo os datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

O prezo desta segunda feira é o máis alto no que vai de 2022, xa que se sitúa por riba do anterior máximo, de 261,11 euros/MWh, atinxido o sábado 26 de febreiro. Por treitos horarios, o prezo máximo da luz esta segunda feira darase entre as 20 e as 21 horas, con 346 euros/MWh, mentres que o mínimo, de 218,97 euros/MWh, rexistrarase entre as 15 e as 16 horas.

A invasión rusa encarece o gas

Após o inicio a pasada quinta feira dos ataques de Rusia a Ucraína, os futuros de gas natural disparáronse. No entanto, esta sexta relaxábase a súa cotización na plataforma neerlandesa TTF, de referencia en Europa, caendo algo máis de 20%, até os 102,770 euros/MWh. No caso do Mibgas, o operador do mercado ibérico, o prezo do gas natural situábase en 113,05 euros/MWh, após rexistrar unha suba do 29%.

O encarecemento desde mediados do ano pasado no mercado eléctrico explícase, principalmente, polos altos prezos do gas nos mercados e dos dereitos de emisión de dióxido de carbono (CO2), en máximos históricos. En comparación con hai xusto un ano, o prezo do 'pool' para esta segunda feira será 1.399,08% superior aos 18,53 euros/MWh do 28 de febreiro de 2021.

2021, o ano máis caro

A luz fechou 2021 como o ano máis caro da serie histórica, cun prezo medio de 111,93 euros/MWh debido á espiral alcista rexistrada no 'pool' no segundo semestre. O prezo medio do mercado diario o pasado xaneiro foi de 201,72 euros/MWh, 235,3% superior ao prezo medio do mesmo mes do ano pasado e un 15,7% inferior a decembro de 2021.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios