Presidente de Hostalaria.gal

Lois Lopes: "Se non se fai algo, o desastre pode ser maior"

O pasado mes de xaneiro naceu en Compostela a asociación Hostalaria.gal. A súa proposta é unir a maior parte das pequenas e medianas empresas do sector ademais de abrir as portas ao ámbito do aloxamento e do turismo. Alertan da situación actual, que cren lonxe de estar solucionada coas medidas da Xunta.
O presidente de Hostalaria.gal, Lois Lopes, no seu estabelecemento de Vidán (Foto:Arxina)
photo_camera O presidente de Hostalaria.gal, Lois Lopes, no seu estabelecemento de Vidán (Foto:Arxina)

Como xorde Hostalaria.gal?

É un proxecto novo que acaba de nacer, aínda que levabamos sete meses traballando. Unha serie de persoas chegamos á conclusión de que as estruturas organizativas actuais non daban respostas aos problemas que ten o sector. 

Non é unha entidade puntual relacionada coa situación que nos causou a pandemia, como foi o caso da Plataforma Galega en Defensa da Hostalaría e da que nós seguimos a formar parte. Temos a intención de dar esa resposta e a súa vocación é a permanencia.

Cal será o ámbito de actuación da asociación?

O noso ámbito de actuación é o galego aínda que comezamos centrándonos na área de Santiago e nas comarcas da súa influencia como poden ser A Barbanza, Muros-Noia e mesmo A Estrada. Porén, outras zonas como o caso de Vilagarcía de Arousa, diante a falta dunha estrutura organizativa propia, pediron acceder á entidade.

A nosa idea é que, se se consolida e colle forza o proxecto, haberá que reimpulsar esa Hostalaría Federada Galega que no seu día saíu da plataforma e que vemos que non acabou de callar. Cómpre, como mínimo, unha organización forte desde o ámbito territorial que tire do proxecto.

Queremos que Hostalaria.gal sexa unha organización moderna, acorde cos tempos que vivimos. Que identifique cales son os problemas reais do sector e poña respostas acaídas. Procuramos ser unha entidade ampla no territorio, que non quede só na cidade de Santiago, tamén no sentido de recoller todas as seccións do sector e integrar restauración, aloxamento e turismo, cada unha coa súa problemática.

Somos unha organización plural en relación ás persoas que a formamos

Somos unha organización plural en relación ás persoas que a formamos. Todo o mundo ten cabida na defensa dos intereses do sector.

Como foi a resposta do sector hostaleiro?

O proceso de diálogo e acumulación de forzas previo deu como resultado a incorporación de perto dun cento de asociadas e asociados, antes de comezar a campaña de captación.

Hai que comezar de cero. O sector está totalmente desorganizado, sen ningún estudo serio de cal é a problemática concreta e que solucións pode ter. Temos que comprender que a nosa hostalaría non é para nada como a do Levante ou o sur do Estado español, onde hai unha presenza moi grande de multinacionais que teñen un gran volume de negocio.

Aquí a gran maioría son empresas pequenas e medianas, en moitos casos familiares. Por ese motivo nós aspiramos a ser a voz desa gran maioría cos problemas que ten calquera empresa dese tamaño no tecido económico. Un exemplo témolo no incremento do prezo na subministración eléctrica e de gas que, nalgún caso, chegou a triplicarse. Sumado a outros temas que nos trouxo a pandemia.

Como definiría a situación actual?

O sector está nunha situación delicada, cun gran número de empresas que están pasando dunha falta de liquidez a unha falta de solvencia. Tamén está a suba da materia prima, como lle acontece a todas as empresas do tecido económico galego, non é exclusivo da hostalaría. 

O que nos diferenza é que nós estamos nunha situación moi delicada. Se non se fai algo, o desastre pode ser moito maior. Ninguén fala diso nin de que se avalíe de maneira seria unha moratoria dos créditos ICO que se comezarán a pagar en abril e maio de 2022, unha das cuestións que evitou a quebra total do sector. 

Botamos de menos a resposta das Administracións. Somos unha parte importante do Produto Interior Bruto (PIB) e somos un sector que xera moitos empregos. Polo peso específico que a hostalaría e o turismo ten neste país non acabamos de entender como a actitude da Administración é pasiva neste tema, que xa pasou coas vacinas.

Estanse aplicando medidas que nós, desde o primeiro momento, xa cuestionamos por crer que non eran as que servirían para frear esas ondas de contaxios e a evolución negativa da pandemia. Nesta sexta onda foron case exclusivamente contra o noso sector e lonxe de introducir outras e de lanzar algunhas colectivas que mellorarían a saturación sanitaria, seguen na mesma liña, agardando que isto pase.

En relación á suba de subministración desde a organización estamos moi próximos a fechar un convenio cunha subministradora de enerxía para tentar negociar o prezo de maneira colectiva. Non será a solución mais será máis asumíbel do que temos agora. 

A pandemia mostrou a falta de unidade do sector?

Demostrouse con máis claridade a realidade na que vivía o sector. A idea de Hostalaria.gal é unir forzas para, en primeiro lugar, identificar os problemas do sector e despois artellar propostas de solución que propoñerlles ás diferentes Administracións en función das súas competencias.

Vimos dunha tradición de andar por libre, de resolver cada un os seus problemas

Vimos dunha tradición de andar por libre, de resolver cada un os seus problemas. Sempre en base a moito sacrificio sen pedir a actuación das Administracións como sería o normal.

Consideran que seguen as restricións?

Si a nivel de horarios e de ocupación. Na hostalaría común poderíamos fechar ás 2.30 da mañá témolo que facer á 1 ou ás 1.20 na fin de semana cando hai negocios que teñen a súa franxa ingresos a esa hora. Por outro lado seguimos con límites de capacidade. A ocupación do 100% non é real dado que a separación de mesas a 1,5 metros condiciona. Ademais, a petición do pasaporte covid non aportou nin aporta nada. Entendemos que manter esas medidas é a maneira que teñen de facer ver que fan algo.

Comentarios